SOBRE OS REIGALLOS DE MONDARIZ
Deixou escrito José Guisado
Nogueira (Kubala) no seu libro
“Mondariz, historia guía y hechos pasados”:
“Los Reigallos” fue un conjunto
autodidacta, que sin importale mucho el pentagrama hacían sonar primorosamente
el soprano, clarinete, gaita, caja y bombo,
por cierto, con mucha aceptación allá donde eran contratados...”.
Alá polo ano 1932, un neno de once
anos chamado Emilio Bernárdez entra a formar parte da banda de música de
Mondariz, na que comeza a formarse e a aprender a “solfa”. Cun ouvido moi fino e moito entusiasmo, Emilio aprende
solfexo, ademais de iniciarse na gaita e, grazas a súa constancia, vai
contaxiando a súa afección musical aos seus irmáns máis pequenos. Fernando e
Julio, os do medio, gostaron máis da percusión (bombo e caixa,
respectivamente), aínda que Fernando tamén tocou o clarinete e, tempo despois, Manolo,
o máis cativo, comezou coa caixa, logo co bombo,
despois coa gaita
e, xa de mozo, co clarinete e co saxo. Anos despois, tamén lle
propuxeron que tocase a trompeta pero Manolo negouse, xa que considerou que
eran moitos instrumentos e daquela economicamente non podía permitirse ese
exceso.
A mediados da década dos anos corenta, Emilio propúxolle ao resto dos seus irmáns formar unha agrupación coa intención de divertirse tocando e, se cadraba, levarse unhas “perras” extras para casa. Así naceron os “Os Reigallos”, alcume polo que era coñecida a súa familia.
Consultando cos fillos de Emilio, Herminda e Emilio, a través da súa neta Samara e, sen poder asegurar cento por cento, trasládannos que inicialmente o grupo estivo formado por tres dos irmáns: Emilio, Fernando e Julio, cuxas fotografías axuntamos a continuación:
Máis tarde, este último foi substituído por Manuel do “Micaela”, veciño de Cernadela, e, co tempo, o trío convértese en cuarteto coa entrada do irmán de menor idade: Manolo.
Na fotografía axunta, podemos observar ao cuarteto de mozos formado por dúas gaitas, caixa e bombo. A distribución de instrumentos era a seguinte: os irmáns Emilio e Manolo tocaban a gaita, o terceiro irmán, Fernando, o bombo e Manuel do Micaela a caixa. Aquí “Os Reigallos” aparecen retratados en pleno pasarrúas tocando pola estrada cara a Merouces (actualmente fronte á Casa do Concello de Mondariz).
Na época, as bandas de música dalgúns pobos incorporaban ao seu repertorio temas tradicionais galegos, o que propiciou que algunhas bandas tivesen unha sección de gaitas.
Así como a gaita se achegou á banda
de música, outros instrumentos fóronse incluíndo aos grupos de música
tradicional galega. É o caso de instrumentos de vento que se foron introducindo nas agrupacións tradicionais posibilitando así poder amplia-lo
repertorio, toca-las cancións que se escoitaban na radio e gañarse ao público
da festa (interpretando a canción que estaba de moda, que despois coñeceriamos
como a “canción do verán”).
Estas agrupacións que mesturaban os instrumentos tradicionais galegos con outros propios de banda foron coñecidas co nome de “murgas”. Temporalmente, situámonos entre a década dos corenta e principios dos cincuenta. Mais, aínda que estas agrupacións conviviron moito tempo, coa chegada das primeiras orquestras, pouco a pouco, foron perdendo forza e a música máis comercial que interpretaban estas, foron gañando terreo en bailes, celebracións, festas e verbenas.
Os Reigallos non ían ser menos e, paulatinamente, a súa formación foi modificándose, introducindo novos compoñentes e outros instrumentos como saxofóns ou clarinetes, a maiores dos tradicionais galegos. Podemos apreciar nas seguintes fotografías como foi a evolución da agrupación.
Os Reigallos aprox. a finais dos anos corenta
De esquerda a
dereita: Manolo(gaita), descoñecido(bombo), Fernando(clarinete),
Manuel do
Micaela (caixa)e Emilio(gaita) .
De pé de esquerda a dereita: Emilio, “Perreira”,
Domingo, Fernando, Juventino e Manolo.
Agochados: José Vilas (Pepe da Barreira) e“Espreita”
Contáronnos os fillos de Emilio Bernárdez, Herminda e Emilio e Loliña, a filla de Manolo, que Aurelio o “Pereiro de Riofrío” era o responsable de levalos e traelos nun furgón que tiña. Lembran que normalmente os contrataban para tocar hacia arriba, é dicir, pola zona de Lourido, Fofe, A Graña, Camposancos, Traspielas, A Laxe, A Caniza... . Nas conversas que mantivemos cos familiares de Os Reigallos relatáronnos, así mesmo, que, ás veces, botaban días sen tornar a casa (ben porque lles ofrecían durmida para repetir tocata ao día seguinte, ben por arrincar á mañá seguinte desde ese lugar cara outra festa ou procesión).
Verificamos que, máis alá do puramente musical, Os Reigallos souberon adaptarse aos tempos e entender esa corrente de modernidade que se viviu coa chegada das orquestras e foron quen de, ademais de engadir nova instrumentación, incorporar a figura dun vocalista e mudar tamén a súa estética e vestimenta, tal e como se pode ver na foto axunta. Aquí xa aparecen cun aspecto máis de conxunto musical no que se reflicte o labor de Juventino, o fillo de Emilio, quen parece ser se encargaba da selección do vestiario para o grupo.
Conjunto Os Reigallos de Mondariz 06-07-1969 (Fotografía de Albino Vidal)
De pé de esquerda a dereita: José Vilas(Pepe da Barreira), Emilio, Evaristo (de Porta Parada)
Agachados:
Juventino, Fernando, Aurelio Veiga, Manolo e Antonio
Aurelio Veiga, que se
incorporou aos dezanove anos como vocalista da agrupación (aínda que tamén tocaba a
caixa), contounos, na entrevista que lle fixemos neste ano, que as chaquetas da anterior foto foron encargadas e feitas na Xastrería Rey, de Mondariz. Lembra que
eran dunha cor café con leite e que tiñan o escudo de Mondariz no peto do peito.
Recorda tamén a existencia doutras chaquetas de cor vermella.
Ademais, falounos de que, posteriormente, entraron como vocalistas “Os Ratíns”, dous irmáns de entre Riofrío e Aboal, chamados Antonio e José Manuel.
Tamén nos relatou que, máis adiante, os que se encargaban de transporta-lo grupo foron, primeiramente, o Arangueiro de Riofrío, e, despois, o seu fillo Lito. Por último, acorda a un tal Santiago que era de Ventín.
Así mesmo, lembra un acontecemento, con profunda emoción, que trasladamos literalmente: “...Casei e despois, aos vinte un anos, tiven que marchar a face-la vida militar. E, estando de permiso, Os Reighallos tocaban en San Vicente de Oitavén e eu pedinlle a un veciño que me levara nunha moto que tiña, unha BMW. E antes de ir onde a muller, fíxate ti o que é o becho da música, estaban tocando e eu entrei por detrás. E quen se deu conta foi o xefe, Emilio. Terminaron a peza e aquilo eran lágrimas” (comenta coa voz entrecortada e bágoas nos ollos). “Isto era unha familia”. “Eu durmín noites e noites en Gargamala despois dos ensaios”.
Dentro do seu relato,
Veiga falounos de como utilizou o enxeño para tratar de evitar que a pel da caixa afrouxase, nos días de
inverno, o que provocaba que soase a
“choco” (son apagado): “A miña caixa
era de metal, que aquilo para as procesións pesaba a nai que a pariu. Era das
que levaban “palomillas” (tensores) para apretar (apertar) e para mantela
quente e tensa-la pel púxenlle (dentro da caixa) unha bombilla (lámpada) de 40w
e un enchufe por fóra; entón, cando o bordón xa non actuaba, enchufaba a caixa para quenta-la pel”. “Hoxe as caixas
pesan pouco e os parches son sintéticos, pero daquela mandaba carallo...”.
A. Veiga refírenos tamén
outra experiencia coa agrupación: “Tocamos na festa e durmimos alí en Prado (San Salvador de), para facer unha voda ao día seguinte; e chegamos a
ir a andar por alí para arriba da Bugariña
(Godóns) ata a Xestosa, e había que
levarlle, naquela voda, da casa do novio
á (da) novia un ramo de loureiro cuns pañuelos (panos) de muller e de home e unha galiña viva”. Ante o
noso descoñecemento dese costume preguntamos o motivo da súa realización e
Aurelio contestounos: “Para os próximos
novios que ían casar” (entendemos que era un agasallo para a seguinte parella
que se desposaría).
Contounos, amais, que os ensaios cos Reighallos eran unha vez á semana: “Normalmente ós sábados e, máis tarde, cambiaron para os domingos. Eu collía o “coche do García” (Autocares García) en Moscoxo (Moscoso), que ía ao mercado de Mondariz; faciamos a academia e despois viña no ómnibus outra vez para arriba”. “O xefe, Emilio, era moi exixente e moi perfeccionista na “academia” (nos ensaios): se había que repetir unha peza vinte veces, repetíase vinte veces”. “Era moi boa persoa e moi legal, aínda que tamén tiña moito xenio...”. “A academia era sagrada: só se podía faltar por motivos de traballo, senón multa de 25 pesetas, que na próxima festa che descontaba”.
Procedemos a preguntarlle se lembraba canto cobraban por actuación, e contestounos: “1000 pesetas por actuación e de aí tiñamos que pagarlle ao transporte e ao técnico de Redondela polos altavoces”.
O conxunto Os Reigallos compartiu palcos, noites de terreiro e festa con múltiples agrupacións e orquestras, coas que chegaron a ter desde máxima rivalidade ata amizade persoal. A. Veiga, díxonos: “Eu sinto un gran orgullo, e así teño que dicilo, que nos enfrontamos con “Os Tomezas” de Pontesampaio, “Os Cumiares” e “Os Celestes” de Ponteareas, “Os Quintelas” de Redondela, “Os Teixugos” de Budiño ou as orquestras “Oriental” de Ribadavia, a “Sur” de Salceda (á que Aurelio Veiga lle mercou a batería de segunda man por 300 pesetas), ou a “Sintonía de Vigo”, “Los Satélites de La Coruña”, “Los Imperiales” e “Los Cupers”.
A. Veiga acorda que a última actuación que fixo foi tocando nunha procesión en Sabaxáns, a mediados dos anos setenta.
Nas fotografías que se incorporan a continuación, podemos observar algún dos instrumentos orixinais da agrupación: gaita, clarinete, caixa e bombo. Aínda que este último é o instrumento orixinal, na actualidade as letras do nome do grupo están impresas e está repintado.
(Fotos
cedidas por Samara, neta de Emilio).
Na derradeira etapa da agrupación, a principios dos anos setenta, o conxunto chegou a modernizarse de tal maneira que ata mudou de nome e pasou a chamarse “Los del Tea” de Mondariz, moito máis sofisticado, porque “Os Reigallos” tiña xa unhas connotacións de antigüidade. Lembra A. Veiga que tocaron baixo este novo nome: “Melchor, de San Mateo, co clarinete, Antonio Cocas, de Alxén, co saxo e co outro saxo Rabuñade, do Escobeiro”.
As últimas constancias escritas que atopamos do conxunto foron no xornal El Pueblo Gallego. Trátase, por un lado, dunha actuación no ano 1972, na festa das Dores en San Esteban de Negros (Redondela), na que compartiron escenario coa “Orquestra Sintonía” e “Los Cupers” e, por outro, no ano 1975, en Fozara, na festa de San Juan, na que tocaron coa “Banda de Guláns”.
Para poder levar a cabo este capítulo da historia musical de Mondariz, mantivemos contacto con diferentes familiares dalgúns integrantes da agrupación e co único integrante que queda vivo Aurelio Veiga. Estes compartiron con nós información, fotografías e documentos, como esta folla dun talonario de facturas de “Los del Tea”, que nos facilitou Lola, a filla de Manolo (trátase dun recibo que utilizaban para entregar ás comisións de festas que os contrataban).
Queremos agradecer a tódalas persoas
que nos axudaron coa recompilación de información, datos, anécdotas e material a Herminda, Emilio, Lola, Aurelio e de forma moi especial a Samara, a neta de Emilio. Entre todo o material
cedido/amosado, queremos destacar un en concreto: trátase dunha cinta de casete
que nos achegou Loli, a filla de Carmen e Luís
(“O carteiro”), tamén familiar dun compoñente dos Reigallos. A cinta, que para nós é un verdadeiro tesouro, contén
unha gravación do grupo “Os Reigallos”, que, sen afirmar con certeza absoluta,
podémola situar nos anos sesenta (basicamente, polas datas das cancións que
nela se interpretan). Nela inclúense diferentes temas que estaban de moda daquela. O casete contén a
gravación de varias cancións, entre as que destacamos as seguintes:
·
Soldado raso - de Pedro Infante.
·
Lola del Alba – de Manolo Escobar.
·
Gibraltareña - de Los 3
sudamericanos.
·
Las flechas del amor – Karina.
·
Popurrí de xotas galegas – Popular
·
Mi limón mi limonero – Henry Stephen.
·
Casatschok – Georgie Dann.
·
Mujeres y vino – Manolo Escobar.
·
Xota de Mondariz a
Riofrío – Popular
·
Muiñeira de Forcarei - Popular
Ben…Pois ata aquí, un capítulo máis da historia musical do noso pobo, esa que, pouco a pouco, imos recompilando. Nós seguimos sen “perde-la esperanza de atopar algo máis nese baúl, nese faiado, nesa maleta que o avó tiña alí gardada” e como levamos facendo, vai xa para dez anos (dende maio do 2016), deixaremos constancia no noso blog e nas nosas redes sociais.
Grazas a tódalas persoas que seguides aportando información, documentación, fotografías... Sen vós este traballo non sería posible!









