Laureano Mera Mallou foi un
home que desempeñou a súa profesión de garda civil no noso pobo, un afeccionado
á música e ao mundo da gaita.
A principios do ano 1976, tivo a idea
reunir a un grupo de nenas e nenos de Mondariz, de entre sete e once anos de
idade, e comezar a ensinarlles a tanxe-la gaita e preparalos para ofrecer
concertos nas Festas da Peña de Francia e San Roque. Así naceu a
agrupación de gaitas infantil “Os do Val”.
Para entende-la importancia do labor que desenvolveu Laureano,
temos que facer fincapé en que este home foi un auténtico precursor, pois creou
en Mondariz unha das primeiras agrupacións de gaitas do noso país!
Contemporánea
a esta nosa formación foi a Escola de Gaitas de Santa Marta de Ortigueira, creada
por Xabier Garrote Cobelo, o 17 de outubro de 1975, que é a
primeira agrupación musical de máis de 6 gaiteiros da que se ten constancia en
Galicia.
Recompilando información acerca de Os do Val,
atopamos un artigo no xornal El Pueblo Gallego do noso veciño
e correspondente o “Almirante" (Manuel Lamartín), de data do
11/08/1976, no que podemos ler que o director Laureano fixo
unha selección de entre cincuenta nenas e nenos, dos que quedaron inicialmente
quince, “entre eles unha nena que “redobla o tamboril”con
maestría increíble”.
Presentación do Grupo "Os do Val" Agosto 1976
Estas fotografías foron realizadas, tal e como
podemos ler nos seus reversos, por Albino Vidal o día sete de
agosto do ano 1976, xornada na que tivo lugar a presentación do grupo Os do
Val, dirixido por Laureano Mera Mallou. As imaxes
tomáronse na parte traseira da Praza de Abastos, nas escaleiras do Bar
Refuxio. Ese mesmo día foi a súa estrea ante o público no Parque Trasel,
hoxe pavillón municipal de deportes, co gallo da celebración
da elección da "Raíña das Festas" do ano 1976... “a
pesar de non levar dous meses ensaiando”.
Entrada no Trasel do grupo "Os do Val"
Actuación no Trasel do grupo "Os do Val" Sábado 07-08-1976

Inicialmente comezaron, Eulalia Mariño Outerelo(tamboril), Celso Iglesias Veiga(Bombo), Carlos Alfaya Faro(gaiteiro como os restantes), Toñito Álvarez García, Francisco e Roberto Álvarez Conde, Pablito Mera Roca, Avelino Alonso Castro, Luís e Jesús Lage González, Ángel Lage Rivas, Manolito Álvarez Ameixeiras, Javier Gómez Álvarez e Mª del Carmen e Mª José Blanco García como abandeiradas.
Luís, Suso, Ángel e Lali posando o día da presentación
Manuel
Lamartín “Almirante” tamén inclúe na súa reseña do 11/08/1976 a seguinte información sobre os
recursos aportados por algunhas personalidades da vila:
“...la entusiasta colaboración del señor Alcalde regalando hasta
siete gaitas a los menos pudientes, así como tamboril y bombo típicos así como
los trajes regionales...” “...seríamos injustos también olvidar en el tintero,
la aportación del Doctor D. Lino Troncoso Faro, regalándole una gaita a uno de
los niños del conjunto.”
Recorte do xornal El Pueblo Gallego 22-08-1976 (Aparecen como Celtiñas de Mondariz)
"Os do Val" na procesión da Peña de Francia e San Roque 1976
Consultando na hemeroteca do “Almirante”
comprobamos que deixou escrito nun artigo do xornal El Pueblo Gallego, do 22 de agosto de 1976, que sen ter observado o
estandarte onde figuraba o nome da agrupación, existían un grupo de veciños que
preferían bautiza-lo grupo como “Celtiñas de Mondariz” ou “Celtiñas do Val” e
así llo comunicaron aos membros da Comisión festeira.
"Os do Val" o 14-08-1977 nos xardíns de Rodríguez Fornos nas festas de Mondariz
Tamén formaron parte desta formación as persoas que detallamos a continuación: Faustino e Pilar Avelar Cordero, José Abril Tato e as irmáns "Loli" e "Sesa" Álvarez Bugarín. E trala marcha de Pilar incorporouse "Sefi" Avelar Cordero no seu sitio.
Recortes do xornal El Pueblo Gallego 4 e 6 de agosto
do 1977
A raíña e as damas de honra con varios nenos, vestidos co traxe tradicional, na procesión da Peña de Francia ano 1977. (Foto do álbum familiar de Chiqui Bernárdez)
Na nosa pescuda inicial acerca
desta agrupación infantil só atopamos algunhas noticias nos xornais da época,
onde comprobamos os lugares aos que levaron a súa música, sempre nos concellos
veciños. Así, algunhas das súas actuacións celebráronse en: Ponteareas
nas festas dos Remedios, nas Festas do monte en A Garda, en
Oleiros (Salvaterra), na inauguración do seu teleclub en Barciademera (Covelo),
na romaría de A Franqueira (A Caniza) e tamén na Festa da Lamprea
de Arbo.
Os do Val no xornal El Pueblo Gallego 10 de agosto do 1977
Os do Val no concello de Pontevedra
"Os do Val" na XVII Festa da Lamprea en Arbo 25-04-1977
"Os
do Val" nunha actuación en Vigo
Fotografía que formaba parte dun libriño que editaran por
mor dunha competición na que apréciase ao grupo diante do Náutico de Vigo.
Para elaborar este traballo consultamos diferentes xornais da época, contactamos co propio director, Laureano, e co seu fillo Pablo, recompilamos fotografías cedidas amablemente tanto por eles como por Carlos Alfaya Faro e Eulalia Mariño Outerelo, compoñentes desta agrupación, e, grazas a que mantiveron no tempo este material gráfico, puidemos documentar e verificar as diversas e variadas actuacións que “Os do Val” tiveron ata o ano mil novecentos oitenta.
Na conversa que mantivemos con
Eulalia Mariño Outerelo,“Lali”, a
primeira tamborileira da agrupación e filla de J. Bautista Mariño “Farruco”, fomos coñecedores de varias novas destacada
relevancia. Unha delas foi que nunha ocasión se chegou a contactar co director
da banda de gaitas, naquel momento Laureano,
para levalos a tocar a México. A razón pola que finalmente non viaxaron foi
porque ao director, por motivos laborais, non o deixaban ausentarse máis de 15
días.
Achegamos
varios recortes de xornais, do ano 1978, nos que se menciona a agrupación “Os
do Val” en diferentes actuacións o longo de ese ano.El Pueblo Gallego 24 xaneiro do 1978
El Pueblo Gallego 21 maio do 1978, na Franqueira
El Pueblo Gallego 30 maio do 1978, Corpus Christi
El Pueblo Gallego 24 xullo do 1978
El Pueblo Gallego 13 agosto do 1978
No xornal El Pueblo Gallego, de data 13 de
agosto de 1978, aparece esta fotografía na que se observa a agrupación infantil de gaitas "Os
do Val" cun texto nada alentador: ..."que está en trance de
desaparecer".
A finais do ano 1978 Laureano tivo que
abandonar Mondariz, e, tal e como lemos no xornal El Pueblo Gallego, de
data 29 de decembro de 1978, a Asociación de Veciños Xabriña celebrou,
no restaurante Cuevas de Bugarín, unha “Homenaje al fundador del
grupo de gaiteiros infantiles “Os do Val”.
Recolleu
tamén o rumor popular de nomear fillo adoptivo de Mondariz a don Laureano Mera
Mallou, “por su acendrado cariño a este pueblo que tanto le admira ”.
Laureano,
continuou transmitindo a súa paixón pola nosa música tradicional e pola gaita e
sabemos que impartiu aulas e creou agrupacións alá onde estivo. Así, ocorreu en
Pontesampaio, desde o ano 1978, no que deixou Mondariz. Nesa localidade, no ano 2007, fíxoselle unha pequena homenaxe. Tamén
impartiu aulas en Poio, no grupo “Treboada”, sendo o seu alumno
o hoxe recoñecido e famoso gaiteiro Óscar Ibañez, ao que tivemos ocasión de escoitar
nas festas patronais da Peña de Francia e San Roque, no ano 2019.
Recomendamos visualizar na T.V.G. o programa " Alalá nº 165" dedicado a Oscar Ibañez onde poderedes ver a entrevista que se lle fixo a Laureano Mera Mallou como mestre deste gaiteiro.
Como curiosidade temos que destacar
que Laureano, nestas novas agrupacións, contou coa colaboración de “Lali” co
tambor. Ela collía o coche de liña en Mondariz ata a cidade de
Pontevedra. Ían a recollela Laureano, a súa muller ou o seu fillo Pablo, tocaba
e volvía ( “todo isto sen que ninguén o
soubera”). Ao longo do ano 1979 Lali aínda se desprazou algunha vez máis,
pero despois foi substituída por "Sefi" Avelar (quen tamén acudía en secreto). Finalmente,
lembra que non sabe o paradeiro do seu tambor porque o deixou quedar en
Pontevedra.
A agrupación continuou momentaneamente sen director, como comprobamos no
artigo escrito por Almirante o 10 de Xaneiro do 1979, no
xornal El Pueblo gallego. Nel podemos obter esa
información, a raíz da noticia da chegada dos Reis Magos a Mondariz:
“...precediendo
siempre al ya famoso grupo de gaiteiros infantiles “Os do Val” que en un alarde
de pundonor infantil, (que para sí quisieran muchos mayores) cubrieron la
marcha aunque nadie percibiera la falta de director)”.
Sabemos, tanto polos documentos gráficos como
polas conversas con antigos compoñentes, que o músico local, e fundador
da Orquesta Mariño, o mestre J. Bautista Mariño xunto co seu fillo
Luís Mariño se fixeron cargo da agrupación de gaiteiros “Os do Val” ata
a súa disolución.
Tamén
descubrimos que o noso veciño Almirante deixou escrito no mes de febreiro do
1979 que dende a Delegación de Cultura Provincial concedéranlle unha axuda de
75.000 pesetas ao grupo de gaitas infantil "Os do Val" de Mondariz.
El Pueblo Gallego 03-02-1979

O grupo de gaitas infantil "Os do Val" continuou actuando,
aquí o verificamos na tradicional romaría de A Franqueira.
El Pueblo Gallego 01-06-1979
Outro dato que descubrimos abraiados foi un recorte do
xornal portugués “Correio da manhã”, que amosa que “Os do Val”
traspasaron a fronteira, converténdose nunha agrupación internacional, tras
actuar en Estoril, en xullo do 1979.
Esta actuación levouse a cabo grazas a uns veciños de
Covelo, emigrados en Portugal, que, despois de escoitalos tocar, quixeron
levalos á súa vila de residencia. En concreto, o concerto tivo lugar na Romaría
de Santiago, que organizou o Centro Galego no Estoril, en xullo do
1979. Lamentablemente, tras varios intentos de localiza-la páxina nº5 do citado
periódico, para ter máis datos sobre a noticia, non conseguimos facernos con
ela.
Despois da actuación, xa de volta a Mondariz, lembra “Lali”
que fixeron parada en Oporto, “pois os do Bar (referencia á familia Álvarez
Vázquez) tiñan parentes na cidade” e tocaron nas casas duns deles (“por
aquel entón xa estaban as nenas máis pequenas desa familia, Sesi e Loli”).
“Correio
da manhã” 16-07-1979

Tamén nos informou de que percorreron moitos sitios de
Galicia, algúns deles bastante afastados e de escasos recursos. Destacou que nunha ocasión, nun pobo de Lugo
ao que foron tocar, polos seus camiños e corredoiras non pasaban nin os
coches. Noutra actuación, dado que tiñan que facer noite no lugar, para
darlles durmida e comida tiveron que reparti-las nenas e nenos da agrupación
entre as casas dos veciños.
A
última reseña que sobre “Os do Val” atopamos na prensa escrita é do
xornal Hoja de los Lunes de la provincia de Pontevedra, de data do
18/07/1980, escrito polo
correspondente Almirante, onde detalla a grata velada celebrada para a
elección da Raíña das festas dese ano: ...”actuación que amenizaron
brillantemente el ya veterano conjunto de gaiteros infantiles “Os do Val”, que
también recibieron muchos aplausos”.
Na fotografía axunta pódese observa-lo grupo posando
con J. B. Mariño no Cristo do Piñoi en Padróns.
No ano
2002, a asociación Saidoiro de Mondariz Balneario, responsable da
organización do Festival Internacional de Música Folk e do Encontro
de bandas de Gaitas, celebrou un acto de recoñecemento a Laureano Mera
Mallou, onde antigos membros de “Os do Val” interpretaron novamente
algunhas pezas. Lali recorda que, para este evento, a agrupación fixo un par de
ensaios no pavillón de Mondariz e foron dirixidos por “un gaiteiro de
Cernadela, do que non recordo o nome” e “para iso prestoume un tambor
Alba Faro”.
Unha
nova reunión, organizada a petición de Bautista Mariño, tivo lugar no Centro
social de Mondariz. O mestre Mariño quixo gravar un ensaio, para
posteriormente entregarllo como agasallo a cada integrante de “Os do Val”. Días
despois, o 16/08/2015, foron tocar ao furancho que houbo no Balneario “A
muiñeira de Xosé” como se mostra nesta imaxe.
Bandeira – Estandarte da agrupación por diante e por detrás e traxe tradicional de “Lali” feito por "Carmen do Lucas" no ano 1976.
A través deste traballo queremos recalcar a importancia da labor
de persoas como Laureano, que dedican as súas vidas a por en valor a nosa
música tradicional.