xoves, 30 de xuño de 2016

Por nosa terra

No ano 1985 Benjamín compuxo este himno “dedicado ao pobo de Mondariz”. A pé da partitura podemos ler unha nota:

“Para componer esta cantiga
Hemos usado noso galego
que se habla por todas estas tierras, 
muy académico no será,
pero, en agarimo lo tiene todo

Xa se facía mención a esta composición na revista Cesteiro no seu número cero, no mes de xullo de 1987, revista que editou a Asociación Xuvenil Estántiga de Mondariz, o igual que no libro de José Guisado Nogueira, Mondariz Historia, guía y hechos pasados, no que podemos ler integramente a letra deste himno, que di así:

Amor sempre para nosa terra.
Mondariz eres fermoso,
teu paisaxe non hai igual
adornados sempre de flores,
teus montes e vales están.

O susurro de teus ríos
e alivio de dolor,
dá consolo aflixido
e descanso o trobador.

Mulleres agarimosas, 
de mais feitizo non hai
traballan, cantan e troulan,
e tamén saben rezar.

Homes fortes e valentes
amantes do seu fogar,
amigos dos seus amigos
con enteira lealtá.

Forasteiro que aquí chegues,
de Mondariz non marcharás,
preso da súa beleza
e agarimo quedarás.

Por nosa bendita terra
unidos debemos estar,
alonxando toda cadea
que enliorte nosa amistá.

Mondariz, fermosa terra
con amor loitemos por ela. 




luns, 27 de xuño de 2016

Gonixul

Este tema, a tempo de marcha, foi composto polo sr. Benjamín, no mes de marzo do ano 1983, pensando nun neto do seu irmán Alfonso, Xulio, cando xunto con outro socio, abriron unha cafetería en Mondariz, que leva este nome, Gonixul (abreviatura de González e Xulio). Por aquelar datas o sr. Benjamín envioulle unha carta a Xulio:
“Teño de pedir consentimento a ti i o teu compañeiro no negocio Gonixul; pois metéuseme na miña cachola, a idea de adicar unha berbas a ese voso negocio, como xa te maxinaras, as berbas son propagandistas”. 
Na actualidade nada mais entrar nesta cafetería, que continua rexentando Xulio, músico e membro da banda de música de Mondariz, podemos ver expostas tanto a carta como as partituras manuscritas do sr. Benjamín.




xoves, 23 de xuño de 2016

Na Franqueira

A Romaría por excelencia de Mondariz é a da Franqueira e o sr. Benjamín foi un verdadeiro devoto, xa que varias das súas composicións foron dedicadas a esta romaría. Benjamín deixou escritos a maiores do guión, as partituras de mozas e mozos, primeiras e segundas. Nestes apuntes para a festa márase claramente a outra cara das romarías, a do punto de vista lúdico, de troula, e para iso compuxo en forma de xota esta peza onde nos lembra na súa letra:

 “Maruxiña vamos a Franqueira 
a facer o nudo na xesteira 
a facer o nudo moi xuntiños 
e pro ano vimos casadiños”





luns, 20 de xuño de 2016

Unha vella farrandeira - Tía Pepa

O sr. Benjamín compuxo esta canción humorística cando vivía en Santiago. Nun principio titulouna “Unha vella farrandeira”, na que nos fala dunha señora de nome “Teolinda”, e posteriormente cambiouno polo de “Tía Pepa” tal e como podemos ver na letra e nas partituras manuscritas. Cóntanos con ironía detalles deesta muller tiñosa que non gastaba “un patacón”. Outra das curiosidades desta peza do sr. Benxamín é que podemos ver outra das diferentes formas de asinar as súas composicións, esta vez como Benoni.






xoves, 16 de xuño de 2016

Os feitizos da terriña

O sr. Benjamín compuxo esta cantiga sentimental entre os anos 1978 e 1979 cando aínda vivía en Lugo. Dedicoulla á súa sobriña Raquel, “que ten moito xeito pra cantar”. Na portada aparece como “canción para tiple o tenor”. É unha canción para “pequeña orquestina”, para a que escribiu as partituras para saxos, trompetas, trombóns e clarinete baixo. A letra di:

 “Os feitizos da terriña non se poden esquencer 
sorte ten aquel que pode, na súa terra morrer 
donde estades paxariños co voso doce cantar 
alegrando meus amores cando iba namorar 
que meigallo tedes vos, encantos da miña terra 
o pensar que non vos vexo, miña alma morre de pena”





luns, 13 de xuño de 2016

Nosa nai

Estamos ante unha cantiga a dúas voces pensada para un coro pequeno e que data do ano 1981. O sr. Benxamín dicía nunha carta enviada ao seu irmán Alfonso: “xa te daras conta, que esa que tes ahí, “a nosa nai,” é filla desta (Os feitizos da terriña).

xoves, 9 de xuño de 2016

Pobre Rosiña

Os cantares de cego forman parte da nosa ampla riqueza musical. Fixéronse populares en festas, feiras e romarías, xa que traían novas e transmitían historias ou sucesos de todo tipo. Noutrora non existían os medios de comunicación de masas, polo que os cantares de cego facían de verdadeiros cronistas. O sr. Benjamín, ben coñecedor da nosa música tradicional, non quixo pasar por alto esta forma de expresión e compuxo, en Abril de 1980, este pequeno romance que conta os enganos sufridos por Rosiña da man do “gran Señorito”.




luns, 6 de xuño de 2016

Na fonte do Souto

O sr. Benjamín compuxo este tema con ritmo de muiñeira que leva por título “Na fonte do Souto”, fonte que aínda existe e que está no barrio do Souto na parroquia de Mondariz. Que foi o que alí aconteceu? O que fose, provocou moita alegría no autor, sentimento que transmite cada vez que escoitamos esta peza. Benjamín tamén deixou escritas partituras para acordeón e saxo alto en mi bemol.


xoves, 2 de xuño de 2016

Foliada do San Benito

Esta foliada foi composta polo Sr. Benjamin para coro pequeno. Nesta partitura podemos ver unha das diferentes formas de asinar as súas composicións, como Balsamino. O San Benito celebrase o día 11 de Xullo na parroquia de Pías, no veciño concello de Ponteareas, é un lugar o que van moitos veciños a levarlle ofrendas ao santo para curar as súas verrugas. Contan que ao levarlle un ovo por cada espulla que teñamos, o santo hánolas quitar todas.