martes, 11 de outubro de 2022

Himno do Sindicato Agrícola de Lougares

HIMNO DO SINDICATO AGRÍCOLA DE LOUGARES (Por Chiqui Bernárdez)

    Cando comecei a darlle forma a todo este traballo recompilatorio sobre a música e o noso pobo, levei unha grata sorpresa, logo dunha conversa co veciño de Lougares, Félix Blanco. Este fíxome chegar unha composición musical destinada a ser cantada como Himno do Sindicato Agrícola de Lougares. Para os amantes da música e da historia do noso pobo, este documento é unha verdadeira reliquia. 

    Sobre este interesantísimo asunto, púxenme a indagar alá polo verán do ano 2011 e foi así como descubrín a autoría tanto da partitura musical como da letra, que aínda que non aparece reflectida no escrito orixinal, mais aparece nos xornais da época consultados. 

    A primeira noticia sobre este asunto atopámola no xornal El Pueblo Gallego, do 11 de xullo de 1930: “En la parroquia de Lougares se fundó una sociedad agraria de carácter apolítico, con el objeto de defender los intereses locales y fomentar el desarrollo agrícola y ganadero de la comarca...”, aínda que non sería ata o 17 de xuño do ano seguinte cando se constitúe definitivamente o sindicato, segundo o xornal El Tea do 23 de xuño do 1931.  Descubrimos que, grazas a esta asociación, na comunidade de Lougares creouse un movemento social e cultural que incluso chegou a contar cun coro mixto.

    No terceiro aniversario da súa creación ese coro interpretou o Himno do Sindicato Agrícola de Lougares. Foron dous veciños da parroquia os que se encargaron, por unha banda, da música desta obra: Juan Tobío Pereira e, por outra, da creación da letra: Dionisio Mera, que sería o presidente do Sindicato agrícola no ano 1931.

    O señor Juan Tobío Pereira, asentado en Lisboa e de profesión restaurador e afinador de pianos, foi o delegado do Sindicato Agrícola de Lougares na capital lusa e o responsable de elaborar nela unha comisión pro-sindicato coa finalidade de recadar fondos entre veciños e forasteiros para mandar elaborar o mobiliario necesario para esta sociedade. Ademais,  foi o artífice de trasladar as propostas feitas pola colonia de veciños de Lougares en Lisboa, tanto para o propia asociación como para a parroquia de Lougares en xeral.

Partituras do Himno

                  



                   

                       


                      

                                                                   Letra do Himno


90 aniversario
   
    Na mañá do pasado día 25 de setembro, por mediación da Asociación de veciños Lougariños, en colaboración coa comunidade de montes de Lougares, da Deputación de Pontevedra e do Concello de Mondariz, tivo lugar un significativo acto de memoria histórica arredor do movemento agrarista na parroquia de Lougares (Mondariz). 

    Celebrouse o 90 aniversario da entrega do estandarte ao seu Sindicato Agrícola (1932-2022), e colaborei coa organización para lograr pór en marcha a idea de que a Banda de Música do noso pobo interprétase no mesmo lugar este himno, 90 anos despois de que se escoitase por vez primeira. 
        
    Á fin, todas a persoas presentes tivemos a sorte de escoitar a Banda de Música Cultural de Mondariz interpretando o Himno do Sindicato Agrícola de Lougares.
      
    Adxúntanse unhas fotos do acto e un fragmento en vídeo do final da interpretación do himno.