HIMNO DO SINDICATO AGRÍCOLA DE LOUGARES (Por Chiqui Bernárdez)
Cando comecei a darlle forma a todo este traballo recompilatorio sobre a música e o noso pobo, levei unha grata sorpresa, logo dunha conversa co veciño de Lougares, Félix Blanco. Este fíxome chegar unha composición musical destinada a ser cantada como Himno do Sindicato Agrícola de Lougares. Para os amantes da música e da historia do noso pobo, este documento é unha verdadeira reliquia.
Sobre este interesantísimo asunto, púxenme a indagar alá polo verán do ano 2011 e foi así como descubrín a autoría tanto da partitura musical como da letra, que aínda que non aparece reflectida no escrito orixinal, mais aparece nos xornais da época consultados.
A primeira noticia sobre este asunto atopámola no xornal El Pueblo Gallego, do 11 de xullo de 1930: “En la parroquia de Lougares se fundó una sociedad agraria de carácter apolítico, con el objeto de defender los intereses locales y fomentar el desarrollo agrícola y ganadero de la comarca...”, aínda que non sería ata o 17 de xuño do ano seguinte cando se constitúe definitivamente o sindicato, segundo o xornal El Tea do 23 de xuño do 1931. Descubrimos que, grazas a esta asociación, na comunidade de Lougares creouse un movemento social e cultural que incluso chegou a contar cun coro mixto.
No terceiro aniversario da súa creación ese coro interpretou o Himno do Sindicato Agrícola de Lougares. Foron dous veciños da parroquia os que se encargaron, por unha banda, da música desta obra: Juan Tobío Pereira e, por outra, da creación da letra: Dionisio Mera, que sería o presidente do Sindicato agrícola no ano 1931.
O señor Juan Tobío Pereira, asentado en Lisboa e de profesión restaurador e afinador de pianos, foi o delegado do Sindicato Agrícola de Lougares na capital lusa e o responsable de elaborar nela unha comisión pro-sindicato coa finalidade de recadar fondos entre veciños e forasteiros para mandar elaborar o mobiliario necesario para esta sociedade. Ademais, foi o artífice de trasladar as propostas feitas pola colonia de veciños de Lougares en Lisboa, tanto para o propia asociación como para a parroquia de Lougares en xeral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario