mércores, 28 de xullo de 2021

José Bautista Mariño Outerelo

           Nace en Mondariz o 21 de novembro de 1927. Ao longo da súa vida toca distintos instrumentos: frauta, acordeón, órgano e batería.

        Cando cumpre os 13 anos trasládase a Meaño, onde comeza a estudar música, solfexo e frauta traveseira. No ano 1947, con vinte anos, regresa á súa vila natal e incorpórase á Banda de Música do Balneario, que naquel momento dirixía Casiano Paredes.


Foto cedida por Marga Paredes

Durante a realización do servizo militar en Huesca (1953), foi músico baixo a batuta do mestre Rovira na Banda de Música Militar de Cazadores de Montaña nº 4 de Jaca.

Rematado o servizo militar, entra a formar parte da Orquesta Venus  de José Fontán Abril (Roquete) no ano 1954. Anos despois actúa seguindo as directrices de Julián Doallo, Jesús Montero e o recoñecido e premiado Rogelio Groba, todos eles directores da Banda Municipal de Ponteareas.

No ano 1956 funda a Orquesta Mariño, “porque daquela as orquestras levaban sempre o nome ou apelido do acordeonista”.  A agrupación mantívose en activo ata o ano 1984.

É nomeado presidente do grupo de música da Delegación Sindical de Mondariz no ano 1965, a proposta do Grupo Provincial de Música de Pontevedra, "con todos os dereitos e obrigas inherentes ao seu cargo"  tal e como consta na súa credencial.

Asimesmo, dirixiu o coro Santa Baia e tamén o grupo de gaitas Os do Val, entre finais dos anos setenta e principio dos oitenta.

Máis tarde, foi nomeado presidente da Banda de Música Cultural de Mondariz, onde exerceu como mestre de solfexo, trombón de varas e frauta entre os anos 1993 e 1995.

Na noite do día 3 de decembro do ano 2004, por mediación da Asociación de veciños Xabriña e coa colaboración e traballo de organización levado a cabo polos músicos locais Alberte Reboreda e Chiqui Bernárdez, convocouse aos antigos membros da Orquesta Mariño. O obxectivo desta reunión consistía en animalos a levar a cabo un concerto no que volver a escoitar á Orquesta Mariño e deixar constancia sonora do mesmo coa gravación dun CD.


Foto X.M.Vaqueiro

Os músicos expuxeron verbalmente as súas reticencias con expresións tan singulares como: “Vós estades tolos! Hai 40 anos que non tocamos!”, mais a partir de aí púxose todo en marcha: eles a comezar cos ensaios e Alberte e Chiqui a facer o traballo de organización e de procura e recompilación de material.

A Orquesta Mariño foi para Mondariz e a comarca do Condado o que Os Tamara foron para Galicia ou a orquestra de Glen Miller para América. Forma parte da nosa historia, unha parte fundamental da cultura do noso pobo e temos a obriga moral de mantela viva.

A homenaxe organizouse en tres partes: A primeira, levouse a cabo o día 11/09/2005, no auditorio do centro social de Mondariz, onde se celebrou o concerto que foi gravado en directo, para posteriormente ser editado en forma de CD.

                                                                    
Foto X.M.Vaqueiro

A segunda parte celebrouse o 26/12/2005, tamén nas disposicións do centro social, estreándose o documental creado pola Televisión Española en Galicia e realizado polo xornalista Xan Touceda. Ao mesmo tempo, inaugurouse a exposición fotográfica e de instrumentos sobre a orquestra.

A terceira e última parte foi o día 25/06/2006 na praza de Mondariz, onde se fixo a presentación do disco Unha época, unha lenda” da Orquesta Mariño.

Para deixar constancia deses momentos únicos, tamén se contou coas cámaras da Televisión municipal de Ponteareas (Canal Tea) e as cámaras da TVE en Galicia.

Estes actos foron unha mostra de cariño e recoñecemento a todos os músicos que formaron parte da orquestra o longo dos case 30 anos que se mantivo en activo, tanto aos músicos que estiveron no escenario como aos que por distintas razóns non puideron estar.

O ano e medio de intenso traballo que fixo posible que se levaran a cabo estes eventos mereceron a pena sen dúbida algunha pois hoxe unha gran parte dos músicos que nos volveron a facer gozar enriba do escenario xa non están entre nós, pero as lembranzas destas vivencias e a súa música quedaron aquí para sempre.

Ademais, o día 31 de agosto do ano 2015, nun acto celebrado na praza de Mondariz, José Bautista Mariño Outerelo foi nomeado fillo predilecto do seu pobo por iniciativa das asociacións de Maiores, XabriñaCastromao e Búrbida, e aprobada por unanimidade no pleno da corporación municipal.

            A continuación nas imaxes que se amosan pódense observar algunhas das composicións de Mariño. A partitura da xota "Pedreira" barrio no que ten a súa vivenda, o CD no que gravou o tema, " De Mondariz a Vilasobroso" dedicado a "Suso de Diego" e a letra do tema dedicado ao noso pobo, "Que bonito es Mondariz". Tamén temos coñecemento dunha composición dedicada ó Bar Andén, que non reproducimos porque a partitura que temos non ten a nitidez suficiente.

 
  



"J. Bautista Mariño, compañeiro de meu pai, "Tuno do ghallito" cando cantou na "Orquesta Mariño". Mestre meu de solfexo nalgún verán, cando viñamos de vacacións de Vitoria. Pai dun gran amigo dende a miña infancia. Compañeiro de ensaios e concertos en bodas, sesións vermuts e festas co grupo "Noroeste". E por suposto compañeiro tamén da comparsa carnavalesca "Os Filllos de Mondrico". Inmenso respecto e admiración, o que sinto hacia a persoa de Mariño": Chiqui Bernárdez.      

Fotografía realizada por Miki.

Ningún comentario:

Publicar un comentario