xoves, 9 de febreiro de 2023

31. Romance

    O repertorio do Coro Agarimos da Terra, inclúe como número 31 o tema que leva por título Romance. Está composta por catro estrofas na que a derradeira contén dous versos mais. A música desta obra recollémola do manuscrito elaborado por Eduardo Martínez Torner e por Jesús Bal y Gay, recompilado da segunda colección do arquivo do coro da Sociedad Artística del Tea de Mondariz (do arquivo do CSIC) identificada coa numeración 879 a música da primeira estrofa e coa 911 as demáis estrofas, aínda que se trata practicamente da mesma melodía con pequenas diferenzas rítmicas. No documento deixaron escrito os autores que a colocación da letra está mal, debido a que a letra que aparece debaixo do pentagrama realmente é a da terceira estrofa. A mesma melodía aparace no Cancionero Musical de Galicia, de Castro Sampedro y Folgar, co número 192, con outra letra e co título de “A Lavandeira”.   

Romance

Era unha noite de lúa,
era unha noite crara;
eu pasaba pol-o río,
da volta da muiñada.

Dempois de sentir un sopro
que me deixou sin alento,
eu ben vin estar o moucho
enriba d' aquel penedo.

Aquel moucho alí fincado,
cal si fose o mesmo demo,
fito á fito me miraba
c-os seus ollos rapiñeiros.

Mais acordeime da Virxe
que sempre conmigo levo,
e dend' alí, berro entonces
con cantas forzas eu teño:
Non che teño medo, moucho;
moucho, non che teño medo.

mércores, 1 de febreiro de 2023

38. Regueifa

     O repertorio do Coro Agarimos da Terra, inclúe unha obra titulada Regueifa. A letra esta composta por once estrofas, a música extraémola dos manuscritos elaborados por Eduardo Martínez Torner y por Jesús Bal y Gay, no verán do ano 1931, recollidos dos arquivos do CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas). Nestes manuscritos atopamos a música coa letra da primeira estrofa identificada co número 859. Correspóndese co tema 427 do Cancionero Gallego, dos mesmos autores. No Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro y Folgar, tamén parece identificada co número 117 un tema titulado Regueifa onde toda a música coincide coa de Mondariz.

Regueifa

A regueifa está na mesa
e no medio ten un hóvo.
Para cantar a regueifa
veñen os de Portonovo.

-Dígame, miña señora,
xa que ten tanto saber:
¿Cántos pelos ten un cán
cando acaba de nacer?

-¡Cando acaba de nacer!
Logo cho digo, amiguiño,
que todo está cheo d'eles
dend' o rabo hastr' o fuciño.

-¿De qué serviu conocerte,
de que serviu namorarte,
si ô fin ô cabo chegou
o momento de deixarte?

-Olvidácheme, olvideite,
metinch' a figa n-os ollos
que cando ti me olvidaches
xa ch' eu tiña amores novos.

-Cantade, mozas, cantade
e deixar reir as bellas,
qu' o tempo da mocidade
tamen o pasaron elas.

-Non che podo, non che podo,
non che podo qu' estou rouca
que che dormin no moiño
esta noite e mail-a outra.

-Non canto por cantar ben
nin pol-a gracia que teña,
canto por dar alegría
ao corazón que ten pena.

-Ainda ch' hei de botar unha
ainda ch' hei de botar outra
ainda ch' hei de botar unha
que ch' ha de queimal-a roupa.

-Axudadem' a cantar,
dádeme unha axudiña,
que non me pode axudar
esta miña gargantiña.

-Esta vai por despedida,
hoxe aquí non canto outra.
Os mociños que me oyen
d´ hoxe un ano m' oyan outra.

xoves, 26 de xaneiro de 2023

39. Cantos de berce

     O repertorio do Coro Agarimos da Terra inclúe como número 39 o tema titulado Cantos de Berce, composta por 3 estrofas. As músicas de este tema aparecen nos manuscritos elaborados por Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay, no verán do ano 1931 recompilados do Arquivo da Sociedad Artística del Tea de Mondariz (846, 847, 848). Correspóndense coas melodías 234, 232 e 227 do Cancionero Gallego, dos mesmos autores. Tamén aparecen recollidas no Cancionero Musical de Galicia, de Casto Sampedro y Folgar como de berce ou arrolo (66, 68, e 77).

Cantos De Berce

1

O miniño está no berce.
¿Quén che vai dar as papas
si túa nai vaiche na vila
y-o teu pai foise co-as vacas?

2

O miniño chora moito
¿quén o ha d' ir aquentare?
Seu pai non está na casa
e súa nai foise lavare.

3

Durme ben, durme, meu rolo,
que n' hay berce com' o colo.