luns, 16 de maio de 2016

Hino A Nosa Señora da Franqueira

A romaría das Pascuillas ou o día da Franqueira, celébrase o luns de Pentecostes, ese día é festivo local no concello de Mondariz, tal e como recolle José Guisado Nogueira, no seu libro "Mondariz historia, guía y hechos pasados". O correspondente Manuel Lamartín deixou escrito: 
“La rogativa procesional mondarizana, acudía a la ineludible visita a Nuestra Señora de la Fuente, ya que, de no comparecer nuestra venerada imagen, es creencia, que si faltase a la cita, serán escasísimas las cosechas de maíz, centeno y patatas (única riqueza agrícola de A Franqueira y su contorno), de ahí el apodo de "A nosa fariñeiriña" con que los franqueiriños bautizaron a la imagen mondarizana”.
Benjamín deixou escritas, a maiores, as partituras para voces: mozos primeiros e segundos e mozas primeiras e segundas. 





Sobre Benjamín Fernández Pazos

Naceu en Mondariz no ano 1898 no barrio de “A Pedreira", na casa dos “Laconeros” (alcume polo que se coñecía á súa familia). Na actualidade é a primeira casa da “Rúa dos Músicos”, chamada así debido a cantidade de músicos que, coma Benjamín, naceron e viviron nesa rúa. 

Benjamín foi o terceiro fillo, dun total de cinco, do matrimonio entre Don Xosé Fernández Carballido e de Dona Petra Pazos.  D. Xosé fora saxofonista na Banda militar de Cazadores de Reus, na época da guerra de Cuba, e a maioría dos fillos demostraron herdar a mesma paixón pola música que tivera o seu pai, ben na Banda Municipal de Mondariz, ben noutras de distintos lugares de Galicia. 

Inicia os seus estudos musicais aos dez anos de idade, e, aproximadamente aos catorce, entra a formar parte na mencionada Banda Municipal de Mondariz, onde permanece ata o ano 1920. 

A pesar de que a súa formación musical era de carácter clásico, non deixou de lado a música tradicional, senón que conseguiu mesturar as dúas vertentes, compoñendo xotas e muiñeiras para coro e instrumentos tradicionais (pandeireta, pandeiro, gaita). 

Cando tiña vintedous anos, marcha a facer o servizo militar a Lugo. Nesta cidade coñece á que sería máis adiante a súa dona, Rosario, e coa que terá un único fillo, Benjamín.

Ingresa na Banda Municipal de Cidade do Sacramento como fliscornio 1º, instrumento que non abandonaría ata a súa xubilación no ano 1969. Ao longo de todos estes anos, estivo baixo a batuta dos directores seguintes: D. Juan González Páramos, que tamén fora director da Banda do Balneario, do mestre Sariñena e de D.Francisco Méndez. Deste último, chegou a ser subdirector da Banda Municipal de Lugo.


Benjamín foi un home sinxelo, discreto, namorado do seu pobo, da súa terra, das súas festas e das romarías. Todas estas experiencias vividas durante a súa nenez, víronse reflexadas anos despois na maioría das súas composicións. 

A primeira composición de Benjamín, da que tiven coñecemento, data do ano 1928. Titúlase “A unha flor”  e é unha pequena serenata romántica. A partir desta, crea moitas outras, como, por exemplo, “Litiña” (composición feita para participar nun concurso, que máis adiante gañaría nas festas do San Froilán). 

Moitas foron as agrupacións que incluíron as composicións de Benjamín no seu repertorio. Exemplo é o Grupo de Gaiteiros da Banda Municipal de Lugo, que chegou incluso a gravar varias das súas obras nalgún dos seus oito discos. 



Na imaxe móstrase a portada dun destes discos, do ano 1968.


Outras obras son: xota“Danzarica”, alborada “A Romaría”, “Troula para catro gaiteiros”, “Pinceladas de Galicia”, a alborada ”Os amigos”, dedicada ao coñecido grupo de gaitas lugués, a xota “O Machotiño”, a xota “Festa no lugar”, a xota “Miña Maripepa”, o pasodobre “Pico”, dedicado aos seus netos, a muiñeira “Toxos e Xestas”, “Unha Alboradiña”, coa que o grupo de gaiteiros “Os amigos” gañaría o primeiro premio no VIII concurso rexional de Gaitas, celebrado en Vigo.


E como non, tódalas composicións que Benjamín fixo tendo sempre presentes lugares de Mondariz e os arredores. Así compuxo: a muiñeira “Na fonte do Souto”, a xota “As mozas do Coto Grande”, a xota “Na Franqueira”, estreada nesta mesma romaría, o “Himno a Nosa Señora da Franqueira” con letra de Manuel Lamartín, e “Por nosa Terra”, himno dedicado ao pobo de Mondariz. 

Benjamín compuxo sempre pezas baseadas na música tradicional galega. Cabe destacar que era un músico respectado e admirado por todos. Proba disto é que os grupos de musica tradicional do momento incluían as súas composicións nos seus repertorios: “Os Montes de Lugo”, “Os Modernos”, “Os Amigos de Lugo” (composto por membros da sección de gaitas da Banda Municipal de Lugo), “Os Irmáns Garceiras”,ou a agrupación “Cántigas e Frores”. Destas agrupacións formaban parte músicos de grande importancia no mundo da música tradicional, como  Antón Corral ou Xosé Lois Foxo, que daquela apostaban polas composicións novas, de autores locais coma Benjamín, antes que incorporar ritmos foráneos nos seus repertorios. 


Nas imaxes que se amosan, pódense observar a portada e contraportada dun dos discos dos “Amigos de Lugo”, onde a maioría das pezas gravadas son de Benjamín.

No mes de maio de 1978, Benjamín sofre un acontecemento de vital importancia, do que xa non se repoñería, a morte da súa dona. Desde entón, marcha a vivir a Santiago co seu único fillo. A raíz desta situación, e xa algo enfermo, só volve a Lugo para visita-loa tumba da súa finada dona e para saudar aos amigos.

A súa delicada saúde non lle impediu que continuase compoñendo. No ano 1982, preséntase coa obra “Unha Alboradiña” ao “I Certame de composicións para gaita galega, "Toxos e Xestas” en Barcelona, acadando o primeiro premio. Ao ano seguinte, 1983, volve gañar o mesmo certame coa obra “Troula para catro gaiteiros”. Concursará, tamén con éxito, no terceiro e quinto certame de Barcelona onde obtén distintos premios. O xornal “El progreso” edita no ano 1987 un artigo asinado polo periodista Rafael Vilaseca no que define ao músico mondaricense, Benjamin Fernández Pazos, como “o mellor coñecedor da musica tradicional galega”.

Tra-lo agravamento da súa enfermidade, Benjamín falece no ano 1990. O seu corpo descansa no cemiterio de San Froilán de Lugo, ao carón da tumba da súa dona.

No ano 1997 celebrouse o VII Festival Internacional de Musica Folk de Mondariz Balneario. Ese ano, o festival homenaxeou a Benjamín Fernández Pazos e o propio Xosé Lois Foxo (Director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense) deixou escrito:
“Entre os abundantes compositores modernos para gaita, non quero pasar por alto a Benjamín Fernández Pazos, destacado músico e compositor da Banda municipal de Lugo, autor de melodías tan fermosas como "Pinceladas de Galicia", obra que daría importantes glorias aos cuartetos de gaiteiros nos concursos de gaitas da Ascensión en Compostela. Gañador varias veces do Certame de composición “Toxos e Xestas” de Barcelona con tan fermosas obras como a “Troula dos gaiteiros”. 
Quero facer público recoñecemento ao gran compositor para gaita que foi o mestre Benjamín Fernández Pazos, veciño de Mondariz”.
No ano 2006, o selo Ouvirmos editou un CD-libro do grupo “Os Montes de Lugo” , dentro da colección A tiracolo, de gravacións históricas formadas pola restauración sonora das grandes obras da música galega e patrocinado polo Arquivo sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega) e pola Deputación de Lugo. Neste disco pódense escoitar as gravación inéditas feitas en cinta magnetofónica, na década dos anos setenta, polo mencionado grupo: o pasodobre “Pico” (tema 4), “Pinceladas de Galicia”(tema 12), que contén no seu interior a muiñeira “Na fonte do Souto”..., todas elas composicións de Benjamin Fernández Pazos. Así mesmo, a Banda de música cultural de Mondariz editou un disco no ano 2008 no que gravou a muiñeira “Na fonte do souto”, en homenaxe a Benjamín.

Por último, engadir que son innumerables os gaiteiros e os grupos, tanto do noso país como tamén de fóra, que teñen interpretado, e incluso gravado,  as composicións de Benjamín, ora os máis afeccionados á gaita, coma a Escola de gaitas “Toxos e Xestas” de Barcelona, ora grupos consolidados coma “Treixadura” ou a “Banda de gaitas Xarabal” de Vigo.

A continuación, preséntanse partituras e letras (manuscritos orixinais) dalgunhas composicións de Benjamín Fernández Pazos onde atopamos varias curiosidades.

A primeira curiosidade a destacar destas partituras, son as diferentes formas que tiña Benjamín
de firmar a súas composicións: Benjamín , Balsamino e Benoni.

A segunda, e máis importante, é que descubrimos que algunhas das composicións de Benjamín, foron creadas para ser cantadas, aínda que só as coñeciamos de forma instrumental. Mostra disto son: “As mozas do Coto Grande”,  xota popular para Coro, “Festa no lugar” , muiñeira popular para Coro, “Miña Maripepa”,  xota para coro e gaita e “Na Franqueira”,  apuntes da festa para coro.

A terceira é que descubrimos varias obras que descoñeciamos ata o de agora, como son:  “ A una flor”  serenata romántica; “Foliada de San Benito”,  para coro pequeno; unha cantiga a dúas voces titulada“Nosa nai”; a cantiga sentimental “Feitizos da terriña”; o pequeno romance-cantar de cego”Pobre Rosiña”; a cantiga humorística “Unha vella farrandeira” e unha cantiga propagandística, “Gonixul”.

Estas partituras enviáballas Benjamín por carta ao seu irmán Alfonso. Nalgunha destas cartas adxuntáballe unhas pequenas verbas sobre a composición enviada, dicíndolle “mándocha pra que a mires e analices de vagar e me digas se viches en ela algo que che guste, anque non che guste moito, acóllea e reserva pra miña lembranza no día de mañán”.

O seu irmán Alfonso e, posteriormente a súa familia (Raquel e “Kela”), preservaron estas partituras ata os nosos días. Vaia desde aquí o meu máis sincero agradecemento, por preservar todo este material.

Tampouco podo esquecer a "Min", o fillo de Benjamín, e máis á súa neta, María José, que foron de moita axuda para levar a cabo o presente capítulo deste proxecto, tanto por correxir algunhas datas que eu tiña erradas, como por deixar que disfrutemos destes manuscritos de incalculable valor para os amantes da nosa música.   

sábado, 14 de maio de 2016

Recompilatorio - Sobre o proxecto A música e Mondariz

Hoxe, afortunadamente, a música tradicional, en todas as súas vertentes, está a ter unha maior presenza na sociedade, pero hai trinta anos non era así.

Desde os catorce anos, cando a miña familia viu a vivir para Mondariz, o meu interese de todo o relacionado coa música do meu pobo, foi medrando, e pouco a pouco fun anotando estrofas, recompilando cantigas que se botaban nos seráns e xuntando todo o material que tivera relación coa música e Mondariz.

Ao longo destes anos, e a través dunha veciña e amiga da infancia, “Kela”, chegaron ás miñas mans unhas partituras orixinais dun dos músicos de Mondariz máis destacados e con maior repercusión dentro da musica tradicional galega, Benjamín Fernández Pazos. Anos atrás, este home fíxonos chegar a Vitoria, a nosa cidade natal, a partitura dunha peza composta por el. Aquelas partituras manuscritas gardeinas, como ouro en pano, durante varios anos. Despois púxenme en contacto co fillo e con Mª José, a neta de Benjamín, para contarlles o meu proxecto, que eles apoiaron encantados. Tamén conservei unha carpeta con partituras que me entregou “Cerqueira”, Manuel Pérez, que por aquel entón rexentaba o bar “A Baranda” do Balneario, e resultou conter no seu interior, entre outras, partituras de laúdes e mandolinas que, quen sabe, ao mellor pasaron polas mans da miña avoa e o meu bisavó, que tocaban a mandolina e a guitarra na Rondalla do Balneario. As partituras levan o selo da sociedade que se creou para amparar as diferentes agrupacións que alí había, como a Rondalla “Aceide” e o coro “Agarimos da Terra”, entre outros. A importancia do que supuxo o coro, para a historia da musica tradicional de Mondariz e da musica galega en xeral, queda perfectamente plasmada nos artigos atopados en xornais daquelas datas e nos cancioneiros de Eduardo Martínez Torner, Jesús Bal y Gay (Cancionero Gallego-1928, 1932) e no Casto Sampedro y Folgar (Cancionero Musical de Galicia- 1942).

Seguín recompilando cantigas recollidas por persoas e colectivos que percorreron Mondariz e as súas parroquias, e que, desinteresadamente, dedicaron e, aínda dedican, todo o seu tempo a esta tarefa. Só deles é o mérito de que perduren no tempo estas cantigas. Sen elas perderíase todo este patrimonio tradicional e non poderiamos utilizalo posteriormente como elemento enriquecedor a nivel educativo.

Sendo Mondariz unha fonte da que beberon e beben moitas persoas do noso saber popular, é unha mágoa que non se fixera un estudo en profundidade do noso folclore, analizando todo o relacionado coa creación e transmisión de todas estas manifestacións culturais que non teñen autor coñecido nin único.

Gustaríame transmitirlle un sentimento de orgullo a todas aquelas veciñas e veciños que converteron en tradición eses seráns, esas xuntanzas para bailar e cantar, sen ser conscientes de que estaban escribindo unhas páxinas fundamentais da nosa historia como pobo. Eles son e serán parte imprescindible da nosa cultura. E como non, tamén sería desexable que este traballo servira para inxectar un pouco de amor propio a tódolos músicos de Mondariz, para axudarlles a valorarse e a coller conciencia de pertencer a un pobo no que a música é parte fundamental da súa historia.

Coa perspectiva que dá o paso dos anos, e ao ter este material nas miñas mans pensei: Cantas persoas de Mondariz coñecen estas cantigas do noso pobo? Cantos saben que un músico, veciño noso, é recoñecido e admirado en toda Galicia, e que as súas pezas son interpretadas por milleiros de gaiteiros? Somos conscientes de que moitas persoas e grupos de recolleita, viñeron ao noso pobo a recuperar as cantigas e bailes que se cantaban nos seráns, nas labradas, nas esfolladas...? Dámoslle o valor que se merecen a estas expresións, como, por exemplo, ao Rancho de Reis de Riofrío?

Hoxe, afortunadamente, temos unha escola de música no pobo, pero, coñecen estas cantigas os rapaces que estudan nela?, ou os que tocan na banda de música? No colexio público...,¿ensínanlle aos nosos nenos toda esta riqueza cultural transmitida ata agora de xeración en xeración a través da tradición oral?

Sirva, pois, este recompilatorio para axudar a responder a algunha destas cuestións.



Abordarase este proxecto tratando distintos temas:

 - A figura de Benjamín Fernández Pazos.
 - Sociedad Artística del Tea.
 - A música tradicional en Mondariz.
       - Recollas nos cancioneiros.
       - Recollas máis recentes.
 - Composicións de autor.