sábado, 14 de maio de 2016

Recompilatorio - Sobre o proxecto A música e Mondariz

Hoxe, afortunadamente, a música tradicional, en todas as súas vertentes, está a ter unha maior presenza na sociedade, pero hai trinta anos non era así.

Desde os catorce anos, cando a miña familia viu a vivir para Mondariz, o meu interese de todo o relacionado coa música do meu pobo, foi medrando, e pouco a pouco fun anotando estrofas, recompilando cantigas que se botaban nos seráns e xuntando todo o material que tivera relación coa música e Mondariz.

Ao longo destes anos, e a través dunha veciña e amiga da infancia, “Kela”, chegaron ás miñas mans unhas partituras orixinais dun dos músicos de Mondariz máis destacados e con maior repercusión dentro da musica tradicional galega, Benjamín Fernández Pazos. Anos atrás, este home fíxonos chegar a Vitoria, a nosa cidade natal, a partitura dunha peza composta por el. Aquelas partituras manuscritas gardeinas, como ouro en pano, durante varios anos. Despois púxenme en contacto co fillo e con Mª José, a neta de Benjamín, para contarlles o meu proxecto, que eles apoiaron encantados. Tamén conservei unha carpeta con partituras que me entregou “Cerqueira”, Manuel Pérez, que por aquel entón rexentaba o bar “A Baranda” do Balneario, e resultou conter no seu interior, entre outras, partituras de laúdes e mandolinas que, quen sabe, ao mellor pasaron polas mans da miña avoa e o meu bisavó, que tocaban a mandolina e a guitarra na Rondalla do Balneario. As partituras levan o selo da sociedade que se creou para amparar as diferentes agrupacións que alí había, como a Rondalla “Aceide” e o coro “Agarimos da Terra”, entre outros. A importancia do que supuxo o coro, para a historia da musica tradicional de Mondariz e da musica galega en xeral, queda perfectamente plasmada nos artigos atopados en xornais daquelas datas e nos cancioneiros de Eduardo Martínez Torner, Jesús Bal y Gay (Cancionero Gallego-1928, 1932) e no Casto Sampedro y Folgar (Cancionero Musical de Galicia- 1942).

Seguín recompilando cantigas recollidas por persoas e colectivos que percorreron Mondariz e as súas parroquias, e que, desinteresadamente, dedicaron e, aínda dedican, todo o seu tempo a esta tarefa. Só deles é o mérito de que perduren no tempo estas cantigas. Sen elas perderíase todo este patrimonio tradicional e non poderiamos utilizalo posteriormente como elemento enriquecedor a nivel educativo.

Sendo Mondariz unha fonte da que beberon e beben moitas persoas do noso saber popular, é unha mágoa que non se fixera un estudo en profundidade do noso folclore, analizando todo o relacionado coa creación e transmisión de todas estas manifestacións culturais que non teñen autor coñecido nin único.

Gustaríame transmitirlle un sentimento de orgullo a todas aquelas veciñas e veciños que converteron en tradición eses seráns, esas xuntanzas para bailar e cantar, sen ser conscientes de que estaban escribindo unhas páxinas fundamentais da nosa historia como pobo. Eles son e serán parte imprescindible da nosa cultura. E como non, tamén sería desexable que este traballo servira para inxectar un pouco de amor propio a tódolos músicos de Mondariz, para axudarlles a valorarse e a coller conciencia de pertencer a un pobo no que a música é parte fundamental da súa historia.

Coa perspectiva que dá o paso dos anos, e ao ter este material nas miñas mans pensei: Cantas persoas de Mondariz coñecen estas cantigas do noso pobo? Cantos saben que un músico, veciño noso, é recoñecido e admirado en toda Galicia, e que as súas pezas son interpretadas por milleiros de gaiteiros? Somos conscientes de que moitas persoas e grupos de recolleita, viñeron ao noso pobo a recuperar as cantigas e bailes que se cantaban nos seráns, nas labradas, nas esfolladas...? Dámoslle o valor que se merecen a estas expresións, como, por exemplo, ao Rancho de Reis de Riofrío?

Hoxe, afortunadamente, temos unha escola de música no pobo, pero, coñecen estas cantigas os rapaces que estudan nela?, ou os que tocan na banda de música? No colexio público...,¿ensínanlle aos nosos nenos toda esta riqueza cultural transmitida ata agora de xeración en xeración a través da tradición oral?

Sirva, pois, este recompilatorio para axudar a responder a algunha destas cuestións.



Abordarase este proxecto tratando distintos temas:

 - A figura de Benjamín Fernández Pazos.
 - Sociedad Artística del Tea.
 - A música tradicional en Mondariz.
       - Recollas nos cancioneiros.
       - Recollas máis recentes.
 - Composicións de autor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario