luns, 27 de febreiro de 2023

32. Cantos do Finisterre

    O repertorio do Coro Agarimos da Terra, inclúe como número 32 o tema que leva por título Cantos do Finisterre. Está composta por dúas estrofas. Atopamos unha melodía no libro Aires d'a Terra, la poesía musical de Galicia de José Luis Calle, no que pode lerse a seguinte indicación: 

"CF182. Cantos de Finisterre na romería do Christo. Recogido por D. Felipe Paz. Despacio. Tiene una parte (en Do) y una indicación de aturuxo."
 
Pensamos que pode corresponderse co mesmo tema pois coinciden o título, a primeira estrofa e o lugar onde foi recollido. Ademais, Felipe Paz é o autor doutros dous temas do repertorio do coro.

32. Cantos Do Finisterre

Dinch' un bico e dism' agora,
meniña, que cho roubei;
e calar millor che fora,
que na cara cho deixei.

Quixera collerte sola,
e contarch' o meu querer,
pero tí tes unha nai
que non te me deixa ver.

xoves, 16 de febreiro de 2023

18. ¡Ay, terriña, miña terra!

    Na nosa procura das músicas do repertorio do Coro Agarimos da Terra, fixemos indagacións sobre a obra que a parece co título ¡Ay Terriña, miña terra! con letra de José Peña e música de M. Valverde. Ante a aparición das primeiras dificultades propuxémonos iniciar a busca non polo seu nome/título, se non polo estilo da obra: un alalá. Foi entón cando atopamos na Biblioteca Pública Municipal de Moaña e dentro do seu arquivo un fondo de Xosé Pena Collazo que contiña unha peza que levaba por título Alalá de M. Valverde. Puxémonos en contacto coa biblioteca e recibimos moi gratamente a partitura desta obra que verificamos que efectivamente era a que estabamos buscando. Xosé Pena Collazo é un veciño de Tirán, director de varias corais, que cedeu o seu arquivo persoal con mais de 1000 partituras a esta biblioteca. É unha verdadeira satisfacción saber que aínda existen sitios onde poder investigar e topar material, grazas á xenerosidade de persoas como Xosé Pena Collazo, que salvou todo este patrimonio de acabar nunha papeleira. Dende aquí o noso agradecemento.

¡Ay, Terriña, Miña Terra!

Desque naces, río Umia,
sempre frores vas bicando,
e morres na miña terra
para morrer namorando.

¡Ay, terriña, miña terra,
venia ô Dios que te criou,
miniñas d' os meus olliños,
encanto d' o corazón!

Alegre río, mansiño
chegas ô mar descuidado
e, cal en berce arrolado,
quedas pra sempre dormido.

xoves, 9 de febreiro de 2023

31. Romance

    O repertorio do Coro Agarimos da Terra, inclúe como número 31 o tema que leva por título Romance. Está composta por catro estrofas na que a derradeira contén dous versos mais. A música desta obra recollémola do manuscrito elaborado por Eduardo Martínez Torner e por Jesús Bal y Gay, recompilado da segunda colección do arquivo do coro da Sociedad Artística del Tea de Mondariz (do arquivo do CSIC) identificada coa numeración 879 a música da primeira estrofa e coa 911 as demáis estrofas, aínda que se trata practicamente da mesma melodía con pequenas diferenzas rítmicas. No documento deixaron escrito os autores que a colocación da letra está mal, debido a que a letra que aparece debaixo do pentagrama realmente é a da terceira estrofa. A mesma melodía aparace no Cancionero Musical de Galicia, de Castro Sampedro y Folgar, co número 192, con outra letra e co título de “A Lavandeira”.   

Romance

Era unha noite de lúa,
era unha noite crara;
eu pasaba pol-o río,
da volta da muiñada.

Dempois de sentir un sopro
que me deixou sin alento,
eu ben vin estar o moucho
enriba d' aquel penedo.

Aquel moucho alí fincado,
cal si fose o mesmo demo,
fito á fito me miraba
c-os seus ollos rapiñeiros.

Mais acordeime da Virxe
que sempre conmigo levo,
e dend' alí, berro entonces
con cantas forzas eu teño:
Non che teño medo, moucho;
moucho, non che teño medo.