mércores, 6 de xullo de 2016

Fotos de Benjamín Fernández Pazos

Todas as fotografías foron facilitadas por María José, neta de Benjamín Fernández Pazos.


Banda municipal de Lugo, ano 1923, época na que o seu directo era Juan González Páramos. Esta foto tamén se pode ver no facebook da banda.



Benjamín Fernández Pazos, pousando co seu fliscornio, instrumento co que entrou na banda.



Ano 1925, coa banda de música municipal de Lugo, na época na que era director Manuel Sariñena. Benjamín é o segundo á esquerda detrás do director.




Carné de músico, co que o goberno civil daba autorización para actuar nos espectáculos públicos. Ano 1946.



Banda municipal de Lugo, sendo o director Francisco Méndez, que obstentou este cargo entre os anos 1944 e 1977. Nese momento, Benjamín foi subdirector da banda. Ademáis, nesa época foi na que máis discos gravou a banda, incluíndo neles algunha composición de Benjamín.



Benjamín no ano 1984.

xoves, 30 de xuño de 2016

Por nosa terra

No ano 1985 Benjamín compuxo este himno “dedicado ao pobo de Mondariz”. A pé da partitura podemos ler unha nota:

“Para componer esta cantiga
Hemos usado noso galego
que se habla por todas estas tierras, 
muy académico no será,
pero, en agarimo lo tiene todo

Xa se facía mención a esta composición na revista Cesteiro no seu número cero, no mes de xullo de 1987, revista que editou a Asociación Xuvenil Estántiga de Mondariz, o igual que no libro de José Guisado Nogueira, Mondariz Historia, guía y hechos pasados, no que podemos ler integramente a letra deste himno, que di así:

Amor sempre para nosa terra.
Mondariz eres fermoso,
teu paisaxe non hai igual
adornados sempre de flores,
teus montes e vales están.

O susurro de teus ríos
e alivio de dolor,
dá consolo aflixido
e descanso o trobador.

Mulleres agarimosas, 
de mais feitizo non hai
traballan, cantan e troulan,
e tamén saben rezar.

Homes fortes e valentes
amantes do seu fogar,
amigos dos seus amigos
con enteira lealtá.

Forasteiro que aquí chegues,
de Mondariz non marcharás,
preso da súa beleza
e agarimo quedarás.

Por nosa bendita terra
unidos debemos estar,
alonxando toda cadea
que enliorte nosa amistá.

Mondariz, fermosa terra
con amor loitemos por ela. 




luns, 27 de xuño de 2016

Gonixul

Este tema, a tempo de marcha, foi composto polo sr. Benjamín, no mes de marzo do ano 1983, pensando nun neto do seu irmán Alfonso, Xulio, cando xunto con outro socio, abriron unha cafetería en Mondariz, que leva este nome, Gonixul (abreviatura de González e Xulio). Por aquelar datas o sr. Benjamín envioulle unha carta a Xulio:
“Teño de pedir consentimento a ti i o teu compañeiro no negocio Gonixul; pois metéuseme na miña cachola, a idea de adicar unha berbas a ese voso negocio, como xa te maxinaras, as berbas son propagandistas”. 
Na actualidade nada mais entrar nesta cafetería, que continua rexentando Xulio, músico e membro da banda de música de Mondariz, podemos ver expostas tanto a carta como as partituras manuscritas do sr. Benjamín.




xoves, 23 de xuño de 2016

Na Franqueira

A Romaría por excelencia de Mondariz é a da Franqueira e o sr. Benjamín foi un verdadeiro devoto, xa que varias das súas composicións foron dedicadas a esta romaría. Benjamín deixou escritos a maiores do guión, as partituras de mozas e mozos, primeiras e segundas. Nestes apuntes para a festa márase claramente a outra cara das romarías, a do punto de vista lúdico, de troula, e para iso compuxo en forma de xota esta peza onde nos lembra na súa letra:

 “Maruxiña vamos a Franqueira 
a facer o nudo na xesteira 
a facer o nudo moi xuntiños 
e pro ano vimos casadiños”





luns, 20 de xuño de 2016

Unha vella farrandeira - Tía Pepa

O sr. Benjamín compuxo esta canción humorística cando vivía en Santiago. Nun principio titulouna “Unha vella farrandeira”, na que nos fala dunha señora de nome “Teolinda”, e posteriormente cambiouno polo de “Tía Pepa” tal e como podemos ver na letra e nas partituras manuscritas. Cóntanos con ironía detalles deesta muller tiñosa que non gastaba “un patacón”. Outra das curiosidades desta peza do sr. Benxamín é que podemos ver outra das diferentes formas de asinar as súas composicións, esta vez como Benoni.






xoves, 16 de xuño de 2016

Os feitizos da terriña

O sr. Benjamín compuxo esta cantiga sentimental entre os anos 1978 e 1979 cando aínda vivía en Lugo. Dedicoulla á súa sobriña Raquel, “que ten moito xeito pra cantar”. Na portada aparece como “canción para tiple o tenor”. É unha canción para “pequeña orquestina”, para a que escribiu as partituras para saxos, trompetas, trombóns e clarinete baixo. A letra di:

 “Os feitizos da terriña non se poden esquencer 
sorte ten aquel que pode, na súa terra morrer 
donde estades paxariños co voso doce cantar 
alegrando meus amores cando iba namorar 
que meigallo tedes vos, encantos da miña terra 
o pensar que non vos vexo, miña alma morre de pena”





luns, 13 de xuño de 2016

Nosa nai

Estamos ante unha cantiga a dúas voces pensada para un coro pequeno e que data do ano 1981. O sr. Benxamín dicía nunha carta enviada ao seu irmán Alfonso: “xa te daras conta, que esa que tes ahí, “a nosa nai,” é filla desta (Os feitizos da terriña).

xoves, 9 de xuño de 2016

Pobre Rosiña

Os cantares de cego forman parte da nosa ampla riqueza musical. Fixéronse populares en festas, feiras e romarías, xa que traían novas e transmitían historias ou sucesos de todo tipo. Noutrora non existían os medios de comunicación de masas, polo que os cantares de cego facían de verdadeiros cronistas. O sr. Benjamín, ben coñecedor da nosa música tradicional, non quixo pasar por alto esta forma de expresión e compuxo, en Abril de 1980, este pequeno romance que conta os enganos sufridos por Rosiña da man do “gran Señorito”.




luns, 6 de xuño de 2016

Na fonte do Souto

O sr. Benjamín compuxo este tema con ritmo de muiñeira que leva por título “Na fonte do Souto”, fonte que aínda existe e que está no barrio do Souto na parroquia de Mondariz. Que foi o que alí aconteceu? O que fose, provocou moita alegría no autor, sentimento que transmite cada vez que escoitamos esta peza. Benjamín tamén deixou escritas partituras para acordeón e saxo alto en mi bemol.


xoves, 2 de xuño de 2016

Foliada do San Benito

Esta foliada foi composta polo Sr. Benjamin para coro pequeno. Nesta partitura podemos ver unha das diferentes formas de asinar as súas composicións, como Balsamino. O San Benito celebrase o día 11 de Xullo na parroquia de Pías, no veciño concello de Ponteareas, é un lugar o que van moitos veciños a levarlle ofrendas ao santo para curar as súas verrugas. Contan que ao levarlle un ovo por cada espulla que teñamos, o santo hánolas quitar todas.


luns, 30 de maio de 2016

xoves, 26 de maio de 2016

As mozas do Coto Grande

Cotogrande é un lugar do barrio de Paredes da parroquia de Mondariz. Estamos ante unha xota coñecida no mundo da gaita, pero só de forma instrumental. Nas partituras que se mostran vemos que foi composta coma “Jota popular para coro”. Outra curiosidade é que nestas partituras orixinais atopamos pequenas variacións na melodía con respecto o tema tal el como o coñecemos hoxe. O Sr. Benjamín deixou escritas tamén as partituras para acordeón, gaita e saxo alto mi bemol.



luns, 23 de maio de 2016

A una flor

O Sr. Benjamín compuxo esta serenata romántica no ano 1928 en Lugo. Non o sabemos con certeza pero o texto fainos pensar que podería estar dedicada a quen sería a súa dona, Rosario.





xoves, 19 de maio de 2016

Miña Maripepa. Vamos a Franqueira

O Sr. Benjamín, deixou escrito:
“A Franqueira es un santuario muy famoso de la provincia de Pontevedra. En este santuario hay un xestal muy grande, donde, los mozos casadeiros, hacen nudos en las xestas. Si el nudo no se seca, es señal de casamento seguro.”

“Cuando se cante sin gaita, el tamboril debe acompañar siempre con su ritmo, a falta de pandeiro” 

Na miña procura de datos sobre o noso veciño atopei unha anécdota do mestre de gaita do conservatorio de música de Vigo, Dr. Xaime Estevez Vila, que atoparedes na paxina web Educafolk

Conta que celebrou en Porriño, alá por outubro do ano 1987, un certame de gaita ao que convidou a Benjamín pois era un dos seus compositores preferidos, pero Benjamín non puido asistir por estar enfermo no hospital. Unha vez que Benjamin se recuperou, envioulle ao Dr. Xaime unha carta. Nela descóbrese  a sinxeleza e o carisma deste compositor que non só contestou, escusándose pola non asistencia o evento, se non que ademais o fixo enviándolle a partitura da xota “Miña Maripepa vamos a Franqueira”. A curiosidade é que o título está cambiado por “Mira Maruxiña, vamos A Franqueira”