sábado, 1 de xullo de 2023

Sobre Casiano Paredes Romero



 Sobre Casiano Paredes Romero

        Naceu en Mondariz-Balneario no ano 1932 sendo o primeiro fillo do matrimonio entre Elvira Romero Barros de Mondariz Balneario e Casiano Paredes Iglesias de Vilasobroso. É descendente dunha familia de músicos da zona de Mondariz, xa que o seu avó paterno, Ceferino Paredes Álvarez, foi o fundador e director da Banda de San Martiño(Vilasobroso) dende o ano 1890 ata o ano do seu falecemento no 1935. Ceferino Paredes foi alumno dos maestros Erviti e do destacado compositor coruñes, Varela Silvari. No ano 1928 o Concello de Mondariz decidiu nomear a esta banda da parroquia de San Martiño como Banda de Música Municipal de Mondariz.  

Banda de Música de San Martiño
Ceferino Paredes Álvarez,
Avó de Casiano Paredes Romero 

Seu pai, Casiano Paredes Iglesias tras o falecemento de Ceferino colle a batuta da banda para continuar na dirección da mesma. Casiano, foi alumno primeiro de seu pai Ceferino, despois de Gregorio Baudot que fora director da Banda da Marina de Ferrol e mais tarde de Manuel Palau, director do Conservatorio de Valencia e discípulo de Ravel, Koechlin e Ibert graduándose en Harmonía e Composición no conservatorio de música de Madrid.   


Casiano Paredes Iglesias
fila de adiante sentado no centro
Banda de Música Municipal de Mondariz, 1931
Casiano Paredes Iglesias, de pé o primeiro pola esquerda.

        

Banda de Música Municipal de Mondariz, con Casiano Paredes Iglesias sentado a esquerda
e Ceferino Paredes Álvarez ao seu lado sentado coas mans entrecruzadas.

        Casiano Paredes Romero comezou a estudar música aos cinco anos de idade (1937) primeiro co seu pai e logo vendo as extraordinarias actitudes e facilidade asimilativa que mostraba ao tocar o piano buscáronlle un profesor, Jesús Yepes, en Vigo para continuar así coa súa formación. Cursou 1º, 2º e 3º de Solfexo e de Piano examinándose de estas materias por ensinaza libre no Real Conservatorios de Música de Madrid. No ano 1940 con oito anos ingresa na Banda de Música Municipal de Mondariz tocando o saxofón alto. Aos nove anos e vendo as aptitudes que tiñapara dirixir, o director nomeouno director-auxiliar, e tanto nos concertos e festivais de Galicia e Asturias nos que tivo ocasión de dirixir, obtivo sempre grandes éxistos e loubanzas ao tratarse dun neno tan pequeno dirixindo xa a unha banda tan numerosa. Con doce anos exerce como profesor de solfexo e saxofón na academia da banda, para futuras incorporacións de músicos á mesma. Cabe mencionar que formou e organizou o Coro do Colexio de Monxas no que foi tanto director como organista, actuando nos actos relixiosos da igrexa parroquial. Así mesmo, fundou tamén o Coro da Fillas de María da parroquia de Mondariz Balneario do cal era director e organista, cantando misas, motetes, panxoliñas de Nadal...No ano 1945 seu pai decide buscarlle outro profesor coa finalidade de cursar Piano e Armonía. O profesor foi Mónico García de la Parra (Director da Banda municipal de música de Vigo) co que estudou 4º,5º,6º de Piano e 1º de Armonía, examinándose novamente por libre no conservatorio de música de Madrid. 

        No ano 1946 seu pai decide trasladalo a Madrid para continuar os seus estudos no conservatorio de esa cidade, sendo alumno de famosos profesores como, Jesús Guridi, Gerardo Gombau, Nemesio Otaño, Francisco Fuster, Benito García de la Parra, Julia Parody, Antonio Iglesias, José Fons, Teresa Alonso, Andrade de Silva e Aurelio Fernández.

Casiano Paredes Romero ano 1951
na conmemoración do final de carreira


        Durante o transcurso dos estudos superiores en Madrid, examinouse e graduouse das seguintes materias:

7º e 8º de Piano coa cualificación de sobresaínte, e sendo escollido por unanimidade do tribunal como Primeiro Premio de Piano do ano 1951.

3º e 4º de Harmonía coa cualificación de sobresaínte.

1º, 2º, 3º e 4º de acompañamento de piano coa cualificación de sobresaínte.

Estética, Historia, coa cualificación de sobresaínte.

Música de Cámara, coa cualificación de sobresaínte.

             Primeiro premio do ano 1951, de Ditado e Interpretación musical.

No ano 1952, presentouse a oposición para ingresar na escola de virtuosismo, tendo como profesores aos pianistas José Cubiles, Lazare Levy ( profesora de París), Nikita Magaloff (profesora de Ginebra). No ano 1958 foi becado pola Fundación Barrie de la Maza para asistir ao Curso de Música Internacional Española en Santiago de Compostela sendo alumno da concertista de piano Alicia Larrocha. Durante os seus estudos en Madrid foi becado pola Deputación de Pontevedra durante cinco anos consecutivos cun importe de 10.000 pesetas por ano de estudo que conseguiu axudar a sufragar os custosos estudos do conservatorio. Parte da beca era a obriga de dar un concerto anual nos Salóns de dita Entidade, para todas as personalidades. Durante as vacación no tempo dos seus estudos no conservatorio de Madrid, continuaba colaborando coa Banda de música como saxofonista solista e como subdirector.

O 30 de xaneiro 1952, con dezanove anos presentouse  a oposición para poder obter a tarxeta profesional de músico nacional, carné número 6.710 do Sindicato do Espectáculo clasificado como piano e saxofón.

En Xullo do 1953 comezou o servizo militar e fixo oposicións para Cabo – Músico, instrumento saxofón. Foi destinado á Banda de Música do Rexemento de Infantería de Tarragona nº 43 con sede en Pontevedra. Durante tres anos de vida militar na banda desempeñou a praza de saxofonista solista ate setembro do 1956.

 No ano 1954 foi profesor de música da Academia Cervantes de Pontevedra, obtendo os seus alumnos altas valoracións no Instituto de Ensinanza Media e na Escola Normal de Maxisterio. Durante o ano 1955 fundou e dirixiu o coro do Instituto de Ensinanza Media de Pontevedra no que se interpretaba principalmente música do folclore galego.

No ano 1957 trasládase a Santiago de Compostela, contratado polo “Hostal Reyes Católicos” como pianista para tocar música de semi-concerto nas diversas salas do hotel. Nesta época tamén ingresou como organista na “Capilla Coral Santomil” interpretando canto gregoriano, misas e motetes e participando en actos relixiosos tanto na Catedral como en outras igrexas de toda Galicia. Nesta época tamén funda unha academia de música particular onde preparaba alumnos para examinarse nos distintos centros oficiais.

No ano 1958 na cidade de Pontevedra abriu un novo establecemento o HOTEL UNIVERSO con "La Boîte" mais elegante de Galicia. Alí comezaron "Los Blues de España"  un conxunto de xóvenes músicos locais creado á medida de "La Boîte". 

 "Xornal Diario Pontevedra" 7-7-1991

     No ano 1960 debido ao problema de topar un traballo remunerativo fixo e folgado, trasládase de novo a Pontevedra chamado por uns amigos e alí forman o grupo musico vocal chamado “Los Blues de España” onde exerceu como pianista e director artístico e encargouse dos arranxos musicais. O grupo conseguiu considerables éxitos en España, Lisboa, Angola, Luanda e outro paises europeos. Actuaron para a televisión portuguesa, para a televisión española e conseguiron gravar un disco coa casa Columbia S.A. en Madrid. 

O 1 de Xullo de 1964 con trinta e dous anos obtén o título de compositor, como membro da sociedade de autores, no que ten todas as súas obras rexistradas e do que é socio numerario, cualificado como Compositor de Música e Poeta. 

No ano 1965 comezan unha xira dende Madrid a Escandinavia, e actuaron como Orquestra atracción nas salas mais luxosas de Suecia, Dinamarca e Finlandia. No ano 1971 Casiano contrae matrimonio cunha cidadá finlandesa, Irja Kajan coa que tivo unha filla, Dana María Begoña Paredes Kajan. En Finlandia permaneceron tocando ate que no ano 1973, Casiano decidiu deixar a vida activa da orquestra e dedicarse a vida tranquila da ensinanza.

    No Hotel Elivuori
en Finlandia

Co embaixador de España
en Finlandia no 1971

No ano 1973 Casiano solicita a praza de profesor de piano do Conservatorio de Varkaus, onde desempeñou o cargo durante tres anos consecutivos, na que foi ascendido a categoría de Lehtori (Profesor de escuela superior). No ano 1977 foi elexido como profesor de piano superior no Conservatorio de Joenssu. Durante todo o tempo que exerceu a docencia en Finlandia, foi solicitando os diferentes certificados para poder impartir clases, e con data do 7 de Decembro do 1978 otorgóuselle por parte do Ministerio de Ensinanza e Educación de Finlandia a autorización para poder solicitar e desempeñar as diversas prazas existentes nas distintas Escolas de Música así como en todos os Conservatorios de música de todo o país. 

 
Karjalainen Finlandia 13-01-1977
Warkauden Lehti Finlandia 22-01-1974


           En marzo do ano 1979 obtén o título de (autor literario) e como membro da sociedade xeral de autores, na que ten todas as súas obras rexistradas. Nesa sociedade será socio numerario, sendo catalogado coa cualificación de autor literario e compositor.

           En 1983 foi elexido para desempeñar o cargo de profesor de piano na Escola Superior de Joenssu. Posteriormente, en 1988, foille concedido un certificado especial pola prestixiosa Academia Sibelius de Helsinki, que aprobaba e autorizaba a súa aptitude e competencia para poder exercer na praza de profesor de piano, coa categoría de Lehtori, na súa escola especial de Joenssu, co obxectivo de colexiar e preparar a profesores superiores das escolas de ensino e tamén para universidades.

Certificado da Academia Sibelius


            No ano 1985 don Antonio Gallego, director dos servizos culturais da Fundación Juan March, invitou a Casiano Paredes a pertencer e colaborar como membro compositor na súa biblioteca do Centro de Documentación da Música Española Contemporánea

            A Asociación Galega de Compositores, con data 27 de decembro do 1988, concedeulle a alta como socio co número 12. En 1989 o director do Centro de Documentación musical do Ministerio de Cultura, D. Jacinto Torres Mulas, invitou particularmente a Casiano Paredes a colaborar co seu Curriculum Vitae na publicación do libro-catálogo titulado Recursos Musicales de España

A Igrexa Católica de Finlandia, no ano 1989, encargoulle a Casiano unha obra coral para voces mixtas co motivo da visita do Papa Juan Pablo II a Helsinki. A obra foi entregada persoalmente polo compositor ao sumo pontífice, tal e como mostra a imaxe.


             Para rematar, con data do 27 de Febreiro 1991, foille concedido, tras solicitalo ao  Ministerio de Ensinanza e Educación de Finlandia, o documento e certificado do alto título de “Musiikki-Kandidaati” en la categoría de profesor de piano. Esta titulación é sumamente difícil de conseguir e mais sendo un profesor non nativo. Deixou escrito Casiano: “..puedo estimar que soy el primer profesor español de piano, que se le ha concedido tan alto y meritorio título en Finlandia”

            Como a maioría dos galegos, que sempre desexan regresar a súa terra, Casiano retornou a Galicia no ano 1997 e estableceu a súa residencia en Vigo durante o inverno, visitando Mondariz Balneario, no verán.

Nesta imaxe do ano 2017, vemos a Casiano en Finlandia, sempre que pode vai a visitar a súa filla Dana e de paso recordar moitos dos sitios onde tocaban nos anos 60-70.


Nesta outra imaxe adxunta vemos a Casiano o pasado inverno, ano 2022.


            A través deste traballo queremos pór en valor a figura de Casiano Paredes Romero, compositor, docente de música, terceira xeración dunha destacada familia de músicos de Mondariz e todo un exemplo para as vindeiras xeracións e os amantes da música.




luns, 27 de febreiro de 2023

32. Cantos do Finisterre

    O repertorio do Coro Agarimos da Terra, inclúe como número 32 o tema que leva por título Cantos do Finisterre. Está composta por dúas estrofas. Atopamos unha melodía no libro Aires d'a Terra, la poesía musical de Galicia de José Luis Calle, no que pode lerse a seguinte indicación: 

"CF182. Cantos de Finisterre na romería do Christo. Recogido por D. Felipe Paz. Despacio. Tiene una parte (en Do) y una indicación de aturuxo."
 
Pensamos que pode corresponderse co mesmo tema pois coinciden o título, a primeira estrofa e o lugar onde foi recollido. Ademais, Felipe Paz é o autor doutros dous temas do repertorio do coro.

32. Cantos Do Finisterre

Dinch' un bico e dism' agora,
meniña, que cho roubei;
e calar millor che fora,
que na cara cho deixei.

Quixera collerte sola,
e contarch' o meu querer,
pero tí tes unha nai
que non te me deixa ver.

xoves, 16 de febreiro de 2023

18. ¡Ay, terriña, miña terra!

    Na nosa procura das músicas do repertorio do Coro Agarimos da Terra, fixemos indagacións sobre a obra que a parece co título ¡Ay Terriña, miña terra! con letra de José Peña e música de M. Valverde. Ante a aparición das primeiras dificultades propuxémonos iniciar a busca non polo seu nome/título, se non polo estilo da obra: un alalá. Foi entón cando atopamos na Biblioteca Pública Municipal de Moaña e dentro do seu arquivo un fondo de Xosé Pena Collazo que contiña unha peza que levaba por título Alalá de M. Valverde. Puxémonos en contacto coa biblioteca e recibimos moi gratamente a partitura desta obra que verificamos que efectivamente era a que estabamos buscando. Xosé Pena Collazo é un veciño de Tirán, director de varias corais, que cedeu o seu arquivo persoal con mais de 1000 partituras a esta biblioteca. É unha verdadeira satisfacción saber que aínda existen sitios onde poder investigar e topar material, grazas á xenerosidade de persoas como Xosé Pena Collazo, que salvou todo este patrimonio de acabar nunha papeleira. Dende aquí o noso agradecemento.

¡Ay, Terriña, Miña Terra!

Desque naces, río Umia,
sempre frores vas bicando,
e morres na miña terra
para morrer namorando.

¡Ay, terriña, miña terra,
venia ô Dios que te criou,
miniñas d' os meus olliños,
encanto d' o corazón!

Alegre río, mansiño
chegas ô mar descuidado
e, cal en berce arrolado,
quedas pra sempre dormido.

xoves, 9 de febreiro de 2023

31. Romance

    O repertorio do Coro Agarimos da Terra, inclúe como número 31 o tema que leva por título Romance. Está composta por catro estrofas na que a derradeira contén dous versos mais. A música desta obra recollémola do manuscrito elaborado por Eduardo Martínez Torner e por Jesús Bal y Gay, recompilado da segunda colección do arquivo do coro da Sociedad Artística del Tea de Mondariz (do arquivo do CSIC) identificada coa numeración 879 a música da primeira estrofa e coa 911 as demáis estrofas, aínda que se trata practicamente da mesma melodía con pequenas diferenzas rítmicas. No documento deixaron escrito os autores que a colocación da letra está mal, debido a que a letra que aparece debaixo do pentagrama realmente é a da terceira estrofa. A mesma melodía aparace no Cancionero Musical de Galicia, de Castro Sampedro y Folgar, co número 192, con outra letra e co título de “A Lavandeira”.   

Romance

Era unha noite de lúa,
era unha noite crara;
eu pasaba pol-o río,
da volta da muiñada.

Dempois de sentir un sopro
que me deixou sin alento,
eu ben vin estar o moucho
enriba d' aquel penedo.

Aquel moucho alí fincado,
cal si fose o mesmo demo,
fito á fito me miraba
c-os seus ollos rapiñeiros.

Mais acordeime da Virxe
que sempre conmigo levo,
e dend' alí, berro entonces
con cantas forzas eu teño:
Non che teño medo, moucho;
moucho, non che teño medo.

mércores, 1 de febreiro de 2023

38. Regueifa

     O repertorio do Coro Agarimos da Terra, inclúe unha obra titulada Regueifa. A letra esta composta por once estrofas, a música extraémola dos manuscritos elaborados por Eduardo Martínez Torner y por Jesús Bal y Gay, no verán do ano 1931, recollidos dos arquivos do CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas). Nestes manuscritos atopamos a música coa letra da primeira estrofa identificada co número 859. Correspóndese co tema 427 do Cancionero Gallego, dos mesmos autores. No Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro y Folgar, tamén parece identificada co número 117 un tema titulado Regueifa onde toda a música coincide coa de Mondariz.

Regueifa

A regueifa está na mesa
e no medio ten un hóvo.
Para cantar a regueifa
veñen os de Portonovo.

-Dígame, miña señora,
xa que ten tanto saber:
¿Cántos pelos ten un cán
cando acaba de nacer?

-¡Cando acaba de nacer!
Logo cho digo, amiguiño,
que todo está cheo d'eles
dend' o rabo hastr' o fuciño.

-¿De qué serviu conocerte,
de que serviu namorarte,
si ô fin ô cabo chegou
o momento de deixarte?

-Olvidácheme, olvideite,
metinch' a figa n-os ollos
que cando ti me olvidaches
xa ch' eu tiña amores novos.

-Cantade, mozas, cantade
e deixar reir as bellas,
qu' o tempo da mocidade
tamen o pasaron elas.

-Non che podo, non che podo,
non che podo qu' estou rouca
que che dormin no moiño
esta noite e mail-a outra.

-Non canto por cantar ben
nin pol-a gracia que teña,
canto por dar alegría
ao corazón que ten pena.

-Ainda ch' hei de botar unha
ainda ch' hei de botar outra
ainda ch' hei de botar unha
que ch' ha de queimal-a roupa.

-Axudadem' a cantar,
dádeme unha axudiña,
que non me pode axudar
esta miña gargantiña.

-Esta vai por despedida,
hoxe aquí non canto outra.
Os mociños que me oyen
d´ hoxe un ano m' oyan outra.

xoves, 26 de xaneiro de 2023

39. Cantos de berce

     O repertorio do Coro Agarimos da Terra inclúe como número 39 o tema titulado Cantos de Berce, composta por 3 estrofas. As músicas de este tema aparecen nos manuscritos elaborados por Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay, no verán do ano 1931 recompilados do Arquivo da Sociedad Artística del Tea de Mondariz (846, 847, 848). Correspóndense coas melodías 234, 232 e 227 do Cancionero Gallego, dos mesmos autores. Tamén aparecen recollidas no Cancionero Musical de Galicia, de Casto Sampedro y Folgar como de berce ou arrolo (66, 68, e 77).

Cantos De Berce

1

O miniño está no berce.
¿Quén che vai dar as papas
si túa nai vaiche na vila
y-o teu pai foise co-as vacas?

2

O miniño chora moito
¿quén o ha d' ir aquentare?
Seu pai non está na casa
e súa nai foise lavare.

3

Durme ben, durme, meu rolo,
que n' hay berce com' o colo.

mércores, 18 de xaneiro de 2023

04. ¡Gróri'a Peinador!

     Tal e como deixamos escrito no noso libro A música e Mondariz, un dos primeiros directores da Banda de música “Chan de Gándara” ou Banda de Peinador foi Juan González Paramos (Juan de Tui). 

    No ano 1919 celebrouse un acto solemne con motivo do descubrimento da estatua dedicada a D. Enrique Peinador Vela na que os coros Agarimos da Terra, de Ruada de Ourense, La Artística de Vigo e Foliadas e Cantigas de Pontevedra, interpretaron o himno escrito por este director que leva por título ¡Gróri’a Peinador!. Esta obra formaba parte do repertorio do coro Agarimos da Terra.

    A partitura é da versión para canto e piano que lle entregou Manuel Pérez Cerqueira, que rexentaba o bar La Baranda nos anos oitenta, a Chiqui. La Baranda era antigamente o cine teatro e actualmente o edificio principal do Hotel Balneario.
    
¡Gróri'á Peinador!

I

En alto, a frente erguida,
mirando pr'oucidente,
cal Sol esprendicente
o bo patricio está;
mostrando a súa imáxen
nos ollos alegría,
surrisa nos seus beizos,
no rostro maxestá.

¡Grori' á ti, gran patricio,
de cidadáns modelo,
qu' ô nobre chan galego
sempre soupeche honrar!
O pobo agradecido
que por ti foi fundado,
da túa y-alma prendado
vent' hoxe a saudar.

II

Aló, no alto Céo
onde c' os anxes mora,
ô pobo qu'o adora
mirando fixo está;
e, óisell' entre dentes
dicir moi paseniño:
¡Si poidera un pouquiño
tan siquera ir pr'alá!

¡Grori' á ti, gran patricio
orgulo d' os galegos,
que baixo os nosos céos
de cote vas estar!
O pobo agradecido
que por ti foi fundado,
da túa y-alma prendado
sempre t' ha de chorar.


luns, 9 de xaneiro de 2023

17. Rapaciñas

    No repertorio do coro Agarimos da Terra hai lugar para composicións da época de músicos destacados. Este é o caso de Rapaciñas (Muiñeira a catro voces), realizada por Pascual Veiga, con letra de C. Fernández. Non temos acceso á composición a catro voces que usaba o coro (en xeral, para ningún dos temas do repertorio), polo que imos na procura da melodía ou composición na que estea baseado cada tema. Neste caso, trátase de “La Escala”, muiñeira para orfeón editada alá polo 1895, con letra do poeta Constantino Fernández, atopada na Biblioteca Nacional de Madrid. 

Rapaciñas (La Escala)

Rapaciñas,
 garridiñas,
que d'amores
salayades,
aquí tedes
si queredes,
o que tanto
deseades.

Acudide,
vide, vide,
feiticeiras,
sin tardar,
que o gaiteiro,
pr'o rueiro,
vay cos mozos
d'o lugar.

¡Ala! nenas,
fora penas,
vide todas
d'arredor;
cantaremos,
beillaremos
a muiñeira
qu'é o millor.

Xa se sinte na foliada
da gaitiña o dóce son,
c'o que a y-alma namorada
cura o enfermo corazón.

Xa aturuxan os mociños
reloucando de pracer.
Se buscades maridiño
non hay tempo que perder.

As rapazas,
pol-as trazas,
o que queren
xa se vé,
moitos mimos
e agarimos,
alcontrando
 quen llos dé.

Que lles falen
do casoiro,
que lles canten
o alalá;
e se atopan
brincadoiro...
taina-nina,
taina-ná.