Sobre a Banda de música de San Martiño da Portela(1890-1928)
Fotografía por cortesía de Lola e Aparicio
Todo comeza cando o que fora membro da corporación municipal, veciño da entidade local de Vilasobroso e dono dun taller de ebanistería, Don Ceferino Paredes Álvarez, forma nesta parroquia “A banda de música de San Martín da Portela ” alá polo ano 1890. Ceferino, amante da música, fora discípulo do compositor e editor José de Erviti (1852-1900) e de José María Varela Silvari (1848-1926) compositor galego, pianista e musicólogo fundador e director da revista “El Boletín Musical”.
Ceferino soubo incorporar o seu bo facer a tódolos ámbitos da súa vida, non só profesionalmente se non tamén artísticamente. Mostramos un anuncio publicado no xornal El Sobroso o 01-03-1932, do seu taller.
Estamos ante un home que gozaba dunha “acrisolada honradez mais que suficientemente contrastada” tal e como explicaba nun artigo do xornal “El Eco del Condado”, un home querido entre a veciñanza.
A banda actuou por toda a nosa contorna e concellos limítrofes. Deixamos aquí algúns recortes de prensa sobre a Banda de música de San Martiño publicados no xornal El Tea. Unha pequena mostra de case dúas décadas, de 1909 e 1910...
Continuamos con recortes do xornal El Tea de 1912 e 1913...
Rematamos cuns recortes do xornal El Tea de 1917 e 1919...
Mostramos algunhas fotografías cedidas por Marga Paredes na que podemos observar diferentes épocas e integrantes da banda de música.
Continuamos con máis recortes do xornal El Tea, esta vez dos anos 1922, 1923 e 1925.
No verán do ano 1928 a corporación municipal aproba unha moción que presenta o alcalde Ramiro Vidal Carrera onde se propón nomear a “A banda de San Martiño da Portela” coma “BANDA MUNICIPAL DE MONDARIZ”, segundo as fontes consultadas este nome era simbólico, xa que o concello nunca deu ningún tipo de axuda. Axuntamos un recorte do xornal “El Heraldo Gallego” do 28-10-1928, onde se da conta da noticia así como a foto sacada nas escaleiras da “Casa Felisa” para inmortalizar o momento.
Como mostra de gratitude por este nomeamento a Banda municipal deu un concerto na praza da Autonomía(hoxe Xardíns Rodríguez Fornos) fronte á Casa Consistorial(hoxe Centro Social). No recorte do xornal El Pueblo Gallego do 23-09-1928,podemos ler cal foi o seu programa.
Sabemos polos xornais consultados que en algunhas ocasións, por indisposición de don Ceferino, o seu fillo Casiano Paredes, músico graduado no conservatorio de Madrid, e músico de primeira na banda de Mondariz, colleu a batuta da banda como “director accidental”.
Pechamos aquí o capítulo da Banda de San Martiño, e abrimos outro no que continuamos coa historia da banda que desde ese momento comeza a chamarse Banda de música Municipal de Mondariz.


Ningún comentario:
Publicar un comentario