xoves, 16 de xuño de 2016

Os feitizos da terriña

O sr. Benjamín compuxo esta cantiga sentimental entre os anos 1978 e 1979 cando aínda vivía en Lugo. Dedicoulla á súa sobriña Raquel, “que ten moito xeito pra cantar”. Na portada aparece como “canción para tiple o tenor”. É unha canción para “pequeña orquestina”, para a que escribiu as partituras para saxos, trompetas, trombóns e clarinete baixo. A letra di:

 “Os feitizos da terriña non se poden esquencer 
sorte ten aquel que pode, na súa terra morrer 
donde estades paxariños co voso doce cantar 
alegrando meus amores cando iba namorar 
que meigallo tedes vos, encantos da miña terra 
o pensar que non vos vexo, miña alma morre de pena”





luns, 13 de xuño de 2016

Nosa nai

Estamos ante unha cantiga a dúas voces pensada para un coro pequeno e que data do ano 1981. O sr. Benxamín dicía nunha carta enviada ao seu irmán Alfonso: “xa te daras conta, que esa que tes ahí, “a nosa nai,” é filla desta (Os feitizos da terriña).

xoves, 9 de xuño de 2016

Pobre Rosiña

Os cantares de cego forman parte da nosa ampla riqueza musical. Fixéronse populares en festas, feiras e romarías, xa que traían novas e transmitían historias ou sucesos de todo tipo. Noutrora non existían os medios de comunicación de masas, polo que os cantares de cego facían de verdadeiros cronistas. O sr. Benjamín, ben coñecedor da nosa música tradicional, non quixo pasar por alto esta forma de expresión e compuxo, en Abril de 1980, este pequeno romance que conta os enganos sufridos por Rosiña da man do “gran Señorito”.