O repertorio do Coro Agarimos da Terra, inclúe como número 36 o tema que leva por título Cantos de arrieiro. Está composta por cinco estrofas dobres e unha sexta estrofa tripla. As músicas da primeira, segunda, cuarta, quinta e sexta estrofa recollémolas no manuscrito elaborado por Eduardo Martínez Torner e por Jesús Bal y Gay, recompilado do propio arquivo do coro da Sociedad Artística del Tea de Mondariz, que están identificados cos números 853, 854, 855, 857 e 858. A música da terceira estrofa recollémola do Arquivo do coro Frores e Silveiras identificado co número 168. No Cancionero Gallego, dos mesmos autores, aparecen estas mesmas melodías (556, 554, 552, 555, 541/336, 78/81). Tamén aparecen recollidas no Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro y Folgar coa seguinte numeración (100, 101, 102, 106, 113 e 116).
1
Canta rula, canta rula,
canta rula n'aquel souto;
ben che po'un esperare
polo qu'está na man d'outro.
Ollos negros son celosos,
azules son lisonxeiros,
os castaños m'agarimo
que son os mais verdadeiros.
2
Eu che contarei, María,
a vida do arrieiro:
come com'un cabaleiro,
durme nunha estrebería.
Si chove deixa chover,
si orballa deixa orballar
qu'eu ben sei d'un abriguiño
onde m'hei d'ir abrigar.
3
A vida dos arrieiros
eche unha vida penada:
de día non oyen misa,
de noite non dormen nada.
So ben querer se pagase
moito m'estabas debendo,
na túa vida me pagas
o ben que te estou querendo.
4
¿Arrieiros non son homes?...
¡Arrieiros homes son!
e teño un amor arrieiro
crabado no corazón.
O mal d'amores ten cura
o mal d'amores cura ten;
qu'eu xa tiven mal d'amores
e... non m'o curou ninguén.
5
Anque vou a Pontevedra
non vou por ver os soldados,
vou por ver a Pelegrina,
a dos pendentes dourados.
Antes que á falar te poñas
pensa no qu'has de dicir,
que moitos, de non pensalo,
chegaron á s'arrepentir.
6
Non che quero ir o moiño
nin entrar no tramiñado,
porque alá no outro mundo
piden conta do roubado.
O moiño de teu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto baixalo,
cando está baixo erguelo.
Miña terra, miña terra;
miña terra ¡eu aquí!
amor do ceo lévame
á terra dond'eu nacín.