Tal e como deixamos escrito no noso libro A música e Mondariz, un dos primeiros directores da Banda de música “Chan de Gándara” ou Banda de Peinador foi Juan González Paramos (Juan de Tui).
No ano 1919 celebrouse un acto solemne con motivo do descubrimento da estatua dedicada a D. Enrique Peinador Vela na que os coros Agarimos da Terra, de Ruada de Ourense, La Artística de Vigo e Foliadas e Cantigas de Pontevedra, interpretaron o himno escrito por este director que leva por título ¡Gróri’a Peinador!. Esta obra formaba parte do repertorio do coro Agarimos da Terra. A partitura é da versión para canto e piano que lle entregou Manuel Pérez Cerqueira, que rexentaba o bar La Baranda nos anos oitenta, a Chiqui. La Baranda era antigamente o cine teatro e actualmente o edificio principal do Hotel Balneario.
I
En alto, a frente erguida,
mirando pr'oucidente,
cal Sol esprendicente
o bo patricio está;
mostrando a súa imáxen
nos ollos alegría,
surrisa nos seus beizos,
no rostro maxestá.
¡Grori' á ti, gran patricio,
de cidadáns modelo,
qu' ô nobre chan galego
sempre soupeche honrar!
O pobo agradecido
que por ti foi fundado,
da túa y-alma prendado
vent' hoxe a saudar.
II
Aló, no alto Céo
onde c' os anxes mora,
ô pobo qu'o adora
mirando fixo está;
e, óisell' entre dentes
dicir moi paseniño:
¡Si poidera un pouquiño
tan siquera ir pr'alá!
¡Grori' á ti, gran patricio
orgulo d' os galegos,
que baixo os nosos céos
de cote vas estar!
O pobo agradecido
que por ti foi fundado,
da túa y-alma prendado
sempre t' ha de chorar.