xoves, 26 de xaneiro de 2023

39. Cantos de berce

     O repertorio do Coro Agarimos da Terra inclúe como número 39 o tema titulado Cantos de Berce, composta por 3 estrofas. As músicas de este tema aparecen nos manuscritos elaborados por Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay, no verán do ano 1931 recompilados do Arquivo da Sociedad Artística del Tea de Mondariz (846, 847, 848). Correspóndense coas melodías 234, 232 e 227 do Cancionero Gallego, dos mesmos autores. Tamén aparecen recollidas no Cancionero Musical de Galicia, de Casto Sampedro y Folgar como de berce ou arrolo (66, 68, e 77).

Cantos De Berce

1

O miniño está no berce.
¿Quén che vai dar as papas
si túa nai vaiche na vila
y-o teu pai foise co-as vacas?

2

O miniño chora moito
¿quén o ha d' ir aquentare?
Seu pai non está na casa
e súa nai foise lavare.

3

Durme ben, durme, meu rolo,
que n' hay berce com' o colo.

mércores, 18 de xaneiro de 2023

04. ¡Gróri'a Peinador!

     Tal e como deixamos escrito no noso libro A música e Mondariz, un dos primeiros directores da Banda de música “Chan de Gándara” ou Banda de Peinador foi Juan González Paramos (Juan de Tui). 

    No ano 1919 celebrouse un acto solemne con motivo do descubrimento da estatua dedicada a D. Enrique Peinador Vela na que os coros Agarimos da Terra, de Ruada de Ourense, La Artística de Vigo e Foliadas e Cantigas de Pontevedra, interpretaron o himno escrito por este director que leva por título ¡Gróri’a Peinador!. Esta obra formaba parte do repertorio do coro Agarimos da Terra.

    A partitura é da versión para canto e piano que lle entregou Manuel Pérez Cerqueira, que rexentaba o bar La Baranda nos anos oitenta, a Chiqui. La Baranda era antigamente o cine teatro e actualmente o edificio principal do Hotel Balneario.
    
¡Gróri'á Peinador!

I

En alto, a frente erguida,
mirando pr'oucidente,
cal Sol esprendicente
o bo patricio está;
mostrando a súa imáxen
nos ollos alegría,
surrisa nos seus beizos,
no rostro maxestá.

¡Grori' á ti, gran patricio,
de cidadáns modelo,
qu' ô nobre chan galego
sempre soupeche honrar!
O pobo agradecido
que por ti foi fundado,
da túa y-alma prendado
vent' hoxe a saudar.

II

Aló, no alto Céo
onde c' os anxes mora,
ô pobo qu'o adora
mirando fixo está;
e, óisell' entre dentes
dicir moi paseniño:
¡Si poidera un pouquiño
tan siquera ir pr'alá!

¡Grori' á ti, gran patricio
orgulo d' os galegos,
que baixo os nosos céos
de cote vas estar!
O pobo agradecido
que por ti foi fundado,
da túa y-alma prendado
sempre t' ha de chorar.


luns, 9 de xaneiro de 2023

17. Rapaciñas

    No repertorio do coro Agarimos da Terra hai lugar para composicións da época de músicos destacados. Este é o caso de Rapaciñas (Muiñeira a catro voces), realizada por Pascual Veiga, con letra de C. Fernández. Non temos acceso á composición a catro voces que usaba o coro (en xeral, para ningún dos temas do repertorio), polo que imos na procura da melodía ou composición na que estea baseado cada tema. Neste caso, trátase de “La Escala”, muiñeira para orfeón editada alá polo 1895, con letra do poeta Constantino Fernández, atopada na Biblioteca Nacional de Madrid. 

Rapaciñas (La Escala)

Rapaciñas,
 garridiñas,
que d'amores
salayades,
aquí tedes
si queredes,
o que tanto
deseades.

Acudide,
vide, vide,
feiticeiras,
sin tardar,
que o gaiteiro,
pr'o rueiro,
vay cos mozos
d'o lugar.

¡Ala! nenas,
fora penas,
vide todas
d'arredor;
cantaremos,
beillaremos
a muiñeira
qu'é o millor.

Xa se sinte na foliada
da gaitiña o dóce son,
c'o que a y-alma namorada
cura o enfermo corazón.

Xa aturuxan os mociños
reloucando de pracer.
Se buscades maridiño
non hay tempo que perder.

As rapazas,
pol-as trazas,
o que queren
xa se vé,
moitos mimos
e agarimos,
alcontrando
 quen llos dé.

Que lles falen
do casoiro,
que lles canten
o alalá;
e se atopan
brincadoiro...
taina-nina,
taina-ná.